A Coruña | A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu esta mañá en María Pita ao secretario de Estado de Política Territorial, Alfredo González Gómez. A rexedora e o número dous do Ministerio de Política Territorial analizaron as distintas posibilidades de captación de fondos europeos para as entidades locais.
A Coruña foi a cidade galega que máis financiamento europeo acadou neste mandato con cargo a distintos plans. O Goberno municipal da Coruña xestiona un total de 15 millóns de euros do plan Eidus, cantidade á que se suman os 11 millóns de euros dos fondos Next Generation e os 12,5 millóns para a renovación de toda a iluminación pública, xa en execución, procedentes de fondos Feder a través do IDAE. Ademais, o programa de emprego Coruña suma, que permitiu a inserción laboral de máis dun milleiro de persoas, supuxo outra achega de 4,9 millóns de euros.
Durante a reunión, Rey e González abordaron tamén as convocatorias pendentes de resolver, como a segunda quenda dos Next Generation, que lles permitirán á cidade proseguir co seu impulso inversor e coa súa renovación urbana.
Ambos os dous destacaron tamén a importancia da localización da Aesia na cidade, unha decisión que supón unha grande oportunidade para A Coruña e que é froito das políticas de descentralización postas en marcha polo ministerio que dirixe Isabel Rodríguez.