A Coruña | A alcaldesa da Coruña, Inés Rey celebra o anuncio realizado hoxe polo ministro de Transportes José Luis Ábalos, de abordar desde o ministerio a construción do enlace ferroviario con punta Langosteira, que xa avanzou a propia alcaldesa no cumio do 23F.
O ministerio asumirá a execución desa infraestrutura imprescindible para a plena operatividade do porto exterior e para permitir a integración dos peiraos liberados na Coruña dentro da malla urbana.
O anuncio do ministro prodúcese dúas semanas despois do cumio celebrado en María Pita, convocado pola alcaldesa, para desbloquear a situación do porto entre todas as Administracións implicadas nese proxecto. A ese encontro acudiron tamén tres altos cargos do Ministerio de Transportes, e dela saíu o compromiso público do ministerio de buscar fondos europeos para a construción do enlace ferroviario. A propia Inés Rey garantiu o pasado mes de febreiro a construción do ferrocarril, confirmada agora por Ábalos.
A rexedora agradeceu o compromiso do ministro e do Goberno de España coa cidade. “Ningún Goberno ata agora aportou solucións definitivas para rematar a obra de Langosteira e a integración dos peiraos, o fai o de Pedro Sánchez”, indicou Inés Rey. Ademais do tren, no cumio de María Pita ofreceuse tamén unha solución inmediata para solucionar os problemas financeiros da Autoridade Portuaria da Coruña, e dela saiu tamén a ratificación de que todas as partes consideran obsoletos os convenios do 2004 e o compromiso de contar cun documento novo no prazo de seis meses para redefinir a folla de ruta da integración dos peiraos.
O cumio do 23F foi a primeira cita en 18 anos das Administracións implicadas no plan do porto, cita convocada por Inés Rey para desbloquear unha situación complexa. O anuncio do ministro confirma o primeiro gran avance froito dos compromisos adquiridos nese encontro. O Goberno municipal seguirá a traballar para acadar unha solución para os peiraos e para convertelos nunha parte máis da cidade accesible a todos os coruñeses e coruñesas.
A alcaldesa agarda que tanto Xunta como Autoridade Portuaria súmense á busca de dita solución, antepoñendo os intereses dos cidadáns por enriba de calquera outra consideración: “É a única forma de desbloquear a situación e de converter o traslado da actividade industrial ao porto exterior nunha gran oportunidade para esta cidade, oportunidade posposta durante anos e que nós temos o compromiso de reactivar, como xa quedou claro no cumio do 23F”, indicou Inés Rey.
Nas vindeiras semanas constituirase a comisión encargada das futuras negociacións para chegar a un documento que substitúa os convenios do 2004, paso imprescindible para permitir a liberación dos peiraos e a posta en marcha da integración da fachada marítima.