A Coruña | A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, informou onte no transcurso da comisión informativa de Deportes do inicio das obras de reforma e rehabilitación da cuberta da piscina de Riazor. Os traballos foron adxudicados a Abeconsa por un importe de 253.792 euros e un prazo de execución de dous meses.
“Estaba previsto que as obras empezasen hai dez días, pero, desgraciadamente, a Covid-19 alterou os plans iniciais. A data estimada de finalización dos traballos é o 9 de abril, aínda que ao se tratar dunha intervención en altura as condicións climatolóxicas dos vindeiros meses poden alterar os prazos”, sinalou a edila.
A piscina de Riazor acolle as Escolas Deportivas Municipais de natación, temporalmente suspendidas polas obras da cuberta. A Concellería de Deportes estuda realizar cursos intensivos de natación, xa que está previsto que a piscina non se peche en todo o verán. “Se a situación epidemiolóxica o permite”, dixo a concelleira, “as escolas prolongaranse en xullo e agosto. A nosa intención é que no verán se poidan realizar cursos de natación”.
A intervención nesta piscina municipal súmase ás reformas en distintas infraestruturas deportivas da cidade ás que o Goberno de Inés Rey lles deu prioridade como o campo de fútbol de Eirís, os campos de fútbol da Torre e a piscina do complexo deportivo do Castrillón.
Os traballos consisten na retirada da estrutura actual e a instalación dunha nova cuberta a unha auga con pendente do 10% realizada con panel sándwich sobre unha estrutura de madeira laminada, mantendo a inclinación cara á fachada do Frontón. Ademais, substitúense as xanelas da fachada sobre a bancada por unhas novas, con carpintería de aluminio, que tamén contribúen á mellora das condicións térmicas do recinto.