A Coruña | O Concello, a través da Concellería de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, habilitará unha área biosaudable na rúa San Diego que incluirá un equipamento dirixido a que as persoas maiores poidan facer exercicio físico, unha área de estancia e a rehabilitación do Camiño da Cubela.
A alcaldesa, Inés Rey, asegurou que esta actuación busca pór en valor a zona do barrio da Cubela e que a intención do Goberno Local é a de dinamizar os barrios e dotalos de maiores servizos, “que todos dispoñan dun espazo de lecer, así como garantir a accesibilidade de toda a veciñanza”.
O concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, trasladou o proxecto, que responde a unha vella demanda veciñal, ás persoas representantes da Asociación de Veciños Oza, Gaiteira, Os Castros. Esta intervención, que se executará a través do Contrato de mantemento, conservación e reparación dos pavimentos de beirarrúas e áreas peonís da cidade, sumarase ás áreas biosaudables xa instaladas na avenida de Cádiz, na praza da Tolerancia e nas Viviendas do Carme do barrio de Labañou.
A actuación, nunha superficie total de 250 metros cadrados, inclúe a instalación de pluviais e a pavimentación da vía coñecida como `Camiño da Cubela´, así coma a instalación dunha zona de estancia con arborado e bancos.
O edil de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, apuntou que “con esta intervención auméntanse os espazos peonís, instálase mobiliario urbano e increméntanse as zonas verdes, seguindo os obxectivos que fixa a Axenda 2030”. O aumento das zonas de descanso “propiciará a convivencia entre as e os veciños nunha aposta por crear espazos públicos de calidade en que o cidadán sexa o verdadeiro protagonista”, afirmou Villoslada no encontro cos representantes veciñais.