Concello da Coruña prepara gran dispositivo de seguridade para o San Xoán 2022

Con 400 persoas en diversos puntos da cidade e barrios

A Coruña | A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou este martes o dispositivo de seguridade e as normas que rexerán as celebracións do San Xoán 2022. O Concello publicará estes días o bando municipal onde se recollen todos os puntos que ten que cumprir a cidadanía durante esta data tan sinalada, declarada como Festa de Interese Turístico Internacional.

Inés Rey sinalou que o Concello disporá dun dispositivo de seguridade de 400 persoas para velar polo correcto desenvolvemento das celebracións, tanto nos areais da cidade como nos barrios. A alcaldesa detallou punto por punto as normas que se aplicarán durante o San Xoán e que serán de obrigado cumprimento. “Sabemos que hai moitas ganas de San Xoán mais queremos que este San Xoán sexa un exemplo de goce e ao mesmo tempo de responsabilidade”, apuntou Rey.

A alcaldesa espera que esta celebración se desenvolva sen incidencias destacables e “respectando o noso maior valor, as nosas praias, o noso patrimonio e a nosa cidade”. A rexedora quixo tamén pedirlle á cidadanía que recolla os residuos que se xeren nas praias e lugares de celebración e non utilice o vehículo privado durante esta xornada para evitar a conxestión do tráfico.

Sardiñadas e churrascadas
O día 23 de xuño estarán permitidas, sen necesidade de comunicación previa a Seguridade Cidadá, as sardiñadas e churrascadas, sempre e cando non ocupen a calzada nin entorpezan a circulación de vehículos. Deberanse realizar entre as 13.00 e as 16.00 horas, e entre as 20.00 e as 00.00 horas.

Haberá que cumprir unha serie de medidas de seguridade que veñen detalladas no bando municipal de San Xoán, como son a distancia entre grellas ou a elevación do chan. As beirarrúas deberán quedar libres para permitir o paso de peóns e peoas. As sardiñadas e churrascadas que ocupen a calzada deberán realizar unha comunicación previa cunha antelación mínima de 48 horas. “Facemos un chamamento especial a toda a cidadanía para minimizar os residuos e depositalos nos colectores correspondentes”, sinalou Inés Rey.

Fogueiras
Na noite do 23 de xuño estará permitida a realización de fogueiras en espazos de titularidade pública. Para isto, será necesario presentar unha comunicación previa por escrito á Área de Seguridade Cidadá antes do 17 de xuño ás 15.00 horas. Toda a información ao respecto estará dispoñible en coruna.gal, onde haberá un modelo de comunicación previa coas normas que cómpre seguir.

O Concello contará con 120 toneladas de madeira para repartir entre a cidadanía na contorna do Paseo Marítimo, Oza e San Amaro. O seu reparto comezará ás 19.00 e estará permitido baixala á praia a partir das 19.30 horas do 23 de xuño. A alcaldesa pediu esta mañá que as persoas que realicen fogueiras nos areais non empreguen madeira propia e acudan a estes puntos de reparto.

Zonas de exclusión e limitacións nos areais
Por outra banda, o baño nas praias estará prohibido desde o día 23 ás 22.00 até as 9.00 horas do 24 de xuño. Os servizos de emerxencia poderán determinar que unha cacharela excede a altura permitida por razóns de seguridade. Isto determinarase en función da súa localización, a distancia con edificios e outros elementos da contorna.

Non estará permitido realizar fogueiras preto de colectores, vehículos e outros elementos. Tampouco estará permitido o uso de combustibles líquidos nin de acelerantes para prender as fogueiras. Está prohibido queimar plásticos, cauchos, rodas, colchóns, madeira lacada, goma espuma e outros obxectos que poidan producir gases tóxicos. Non se permitirá o acceso ás praias con mobles nin obxectos voluminosos, ou madeira que leve puntas ou cravos.

“Nas zonas de exclusión non se poderá prender lume de ningún tipo”

Nas zonas de exclusión non se poderá prender lume de ningún tipo. Ditas zonas son: totalidade do trazado do oleoduto, e gasoduto de alta presión, o Parque de Bens incluíndo a praia de Bens, o Monte de San Pedro, os Xardíns de Méndez Núñez, os Xardíns de San Carlos, a praza das Bárbaras e a contorna da Torre de Hércules, incluído o merendeiro das Lapas e a praia da Lapas e as calas dos Mouros e de Durmideiras, sen prexuízo de que os servizos de Seguridade poidan designar algunha outra zona baseándose en criterios de protección das persoas e os bens públicos.

Por outra banda, está prohibido trasladar colectores de residuos e cambiar a súa localización debido aos desaxustes que isto causa na recollida de lixo durante os días posteriores á celebración.

Tampouco estará permitido baixar con vidro ás praias. Estes residuos deberán depositarse nos puntos habilitados nos accesos aos areais. Non estará permitida a solta de globos de papel, farois chineses ou similares cuxo medio de ascensión sexa o lume.

As praias deberán estar libres ás 6.00 horas do día 24 de xuño para que comece o operativo de limpeza. Por outra banda, con carácter xeral, autorizarase a ampliación do horario dos establecementos de ocio e hostalería en dúas horas. As persoas responsables deberán presentar unha autorización previa.

Tráfico, seguridade e transporte público
O día 23 de xuño pecharase a circulación no Paseo Marítimo, entre As Escravas e o Aquarium Finisterrae, a partir das 19.00 horas. Os servizos de seguridade e urxencias restablecerán o tráfico segundo evolucionen as celebracións. O punto de control de seguridade estará instalado na Coraza do Orzán e agrupará tanto a servizos municipais (Policía Local, Bombeiros e Protección Civil) como a Policía Nacional. Haberá cámaras de seguridade especiais para vixiar as fogueiras nas praias. Como é habitual, instalaranse dous hospitais de campaña no Paseo Marítimo para atender emerxencias médicas.

Por outra banda, establecerase un dispositivo especial de transporte público, consistente en oito liñas especiais que comunicarán os barrios coa praza de Pontevedra. Terán cada unha delas unha frecuencia de 10 minutos ata as 2.30 horas. O servizo nocturno estará operativo entre as 3.00 e as 6.30 horas cunha frecuencia de 30 minutos. Os tempos son aproximados e poderían variar en función do tráfico. Para a saída do concerto de Alejandro Sanz no Coliseum reforzarase o servizo de transportes urbanos con tres autobuses desde a avenida de Alfonso Molina, xunto á pasarela peonil, ata a praza de Pontevedra.

As liñas que estarán dispoñibles durante a noite de San Xoán serán: 1, 1A, 3, 6, 7, 11, 21 e unha circular entre a Cidade Vella e Monte Alto (3A). Ademais, o servizo nocturno, con saídas cada media hora, seguirá o seu itinerario habitual. O obxectivo é conectar todos os barrios da cidade coa praza de Pontevedra e permitir un desprazamento cómodo e seguro da cidadanía.

Puntos violeta
Como novidade, o Concello da Coruña habilitará tres puntos violeta no Paseo Marítimo. Estarán na zona das Escravas, fronte á Coraza e na fonte dos Surfeiros. “Estes puntos son espazos seguros que lle ofrecen información á cidadanía en xeral e asesoramento e atención psicolóxica ás adolescentes e mulleres en materia de violencia machista, sobre todo aquelas relacionadas coa violencia sexual”, explicou Inés Rey durante a rolda de prensa.

“O Concello da Coruña habilitará tres puntos violeta no Paseo Marítimo”

Con esta medida, o Concello busca favorecer o goce do San Xoán en condicións de igualdade. O horario de atención destes espazos será de 22.00 a 4.00 horas do 24 de xuño. Inés Rey incidiu en que “A Coruña debe ser un exemplo de tolerancia e respecto” durante esta data tan sinalada.