A Coruña | O Concello da Coruña presentou na comisión de traballo do Porto as súas propostas para avanzar na definición do futuro da fachada marítima. En concreto, presentou a súa proposta de convenio de colaboración coa Xunta de Galicia e a Autoridade Portuaria da Coruña para a adecuación e humanización dos terreos ocupados polo peirao de Batería e tamén o proxecto de protocolo para a reordenación do espazo portuario interior da Coruña.
Canto ao proxecto do novo protocolo, propón a creación dun ente público participado polo resto de administracións competentes e tamén a elaboración dun Plan Director que estableza os diferentes usos e nas distintas zonas en virtude da súa natureza.
O Concello participaría na adquisición dos terreos da zona 1 nun 75% do seu valor de tasación a través de aportacións periódicas anuais no período entre 2021 e 2035 e o resto de administracións participantes adquiriría o 25% restante. Isto garantiría unha mellor perspectiva para o futuro do Porto.
No caso do convenio, a proposta ten como obxectivo garantir o acondicionamento do peirao de Batería para a súa inminente apertura á cidade.
O balance que fai o Goberno local desta comisión é positiva ao darse moitos puntos de encontro durante o groso da reunión. De feito, tanto Portos do Estado como Adif aseguraron compartir ao termo da xuntanza o esquema xeral sen prexuízo de seguiren estudando a proposta para a súa concreción final. Todas as administracións fixaron xa a vindeira data para a seguinte comisión de traballo, que terá lugar o 28 de xullo e na que se seguirán dando pasos para posibilitar un acordo que faga realidade o futuro desenvolvemento da fachada marítima.
Ao termo desta reunión, o Goberno local lembrou que o seu obxectivo é blindar a titularidade pública dos terreos portuarios e ferroviarios e por outra banda conveniar coa Xunta e a Autoridade Portuaria o máis axiña posible a mellora da urbanización do peirao de Batería co fin de poñelo á disposición da cidadanía canto antes.