A Coruña | O Concello toma a decisión de recuperar e repoñer a estatua orixinal de Emilia Pardo Bazán nos xardíns de Méndez Núñez. Unha estatua coa que A Coruña quixo honrar en 1916 a unha das súas máis importantes figuras e que a propia escritora aceptou como a culminación dunha carreira impecable.
Unha estatua coa que, dende o Concello da Coruña, se quere volver a honrar a súa memoria como broche final á conmemoración do seu centenario este 2021.
A decisión de eliminar o botellón dos xardíns de Méndez Núñez permitiu recuperar de forma integral todo este espazo e este ano, como homenaxe no seu centenario, vólvese a situar a estatua orixinal no seu sitio.
A réplica que ocupaba ese espazo pasará a estar na entrada do Kiosco Alfonso ata o 18 de decembro, data na que finalizará a exposición ‘Emilia Pardo Bazán. O reto da modernidade’, organizada pola Biblioteca Nacional de España en colaboración co Concello da Coruña.
O Concello da Coruña visibilizou este ano a figura dunha das coruñesas máis destacadas no centenario do seu pasamento a través da programación EPB100. Abordáronse desde as diferentes áreas municipais as achegas de Pardo Bazán á cidade a través da súa literatura e a súa activa vida persoal.
A mostra que acolle o Kiosco Alfonso e o resto de actos organizados polo Concello amosan o compromiso do goberno local coa cultura e coa figura dunha das súas veciñas más singulares.