A Guarda/BNG | O pleno do Concello da Guarda aprobou a proposta do BNG instar ao Parlamento galego a tramitar con celeridade e aprobar a iniciativa lexislativa popular (ILP) de medidas urxentes para recuperar e fortalecer a atención primaria .
O deterioro que sufre a sanidade pública ten a súa orixe en 14 anos de recortes e privatizacións por parte da Xunta de Galiza. De feito, só en atención primaria, o orzamento reduciuse unha media de 200 millóns por ano desde o 2009. Esta política sistemática de recortes en atención primaria ten consecuencias que afectan á saúde das persoas: listas de espera de até quince días para poder ter unha cita presencial nos centros de saúde, PACs sen persoal médico, ou que as persoas doentes teñan que soportar urxencias hospitalarias saturadas con horas de espera para recibir atención médica.
A Xunta destina un 14% do gasto sanitario a atención primaria, moi lonxe do 25% que recomenda a Organización Mundial da Saúde. Estas cifras fan que Galiza sexa das últimas do Estado en gasto en atención primaria. Esta situación provoca unha evidente preocupación na sociedade, que se traduciu en masivas mobilizacións cidadás, a última este 12 de febreiro en Santiago de Compostela foi a maior rexistrada en Galiza nos últimos 20 anos. Estas mobilizacións deixan patente que a Xunta ten que mudar a súa política sanitaria e que é preciso apostar pola atención primaria, verdadeiro corazón do sistema sanitario.
A indignación cidadá manifestouse tamén na ILP de medidas urxentes para recuperar e fortalecer a atención primaria, promovida polas Plataformas en defensa da sanidade pública e por SOS Sanidade Pública e rexistrada o pasado 7 de febreiro no Parlamento galego, con máis de 50.000 sinaturas.