Mos | O grupo As Meninas de Patricia Martínez, xunto coa propia Patricia, foron recibidas esta tarde na Praza do Concello pola alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e pola concelleira de Cultura, Turismo e Igualdade, Sara Cebreiro, para felicitalas polo título de Campioas Galegas de Danza Coreográfica acadado o pasado mes de decembro.
O domingo, 13 de decembro, celebrouse o XIX Trofeo de Baile Deportivo Concello de Narón que comprendía o Campionato Galego de Danza Coreográfica e Campionato Galego de Modalidade Estandard.
Dentro do Club Baila-Mos, que adestra a mosense bailarina campioa internacional Patricia Martínez, inclúese o grupo As Meninas, formado por Sara Requejo, Ainara Rodríguez, Eva Calvar, Elena Gamallo e Noa Pintos.
As Meninas, tras 10 meses sen competir por mor da crise sanitaria da COVID-19, presentáronse ao Campionato Galego en Narón e conseguiron proclamarse Campioas Galegas na Modalidade de Danza Coreográfica na súa categoría Junior Territorial Iniciados, a 8 puntos de diferenza do segundo grupo.
“Loxicamente, o esforzo foi inmenso en todos os aspectos, físico, económico e psicolóxico, tanto por parte delas como por parte dos seus pais. Non é fácil manter motivadas e centradas a unhas deportistas adolescentes en época de pandemia, desde marzo os primeiros 7 meses foron entrenos e clases en liña, e desde outubro presenciais”, explica a súa adestradora, Patricia Martínez. Quen tamén asegura que “contabamos que con que o ano xa se acabara en canto ao que a competición e títulos deportivos se refire e de feito empezamos a preparar a nova coreografía do 2021 e foi cando saíu a noticia que se celebraba o Campionato Galego e eu fun a primeira que dixen hai que ir, sí ou sí; pero creo que elas o necesitaban máis que eu, volver sentir a adrenalina, os nervios, ver máis bailaríns… e a verdade é que non puido ir mellor, acabamos o 2020 ao grande”.
Martínez quixo agradecerlles “en primeiro lugar aos pais das bailarinas, porque son o principal piar, pero honestamente esta vez quero agradecerlles a elas publicamente o ben que traballaron, aguantado, esforzándose e loitado durante todo este tempo”. Tamén tivo Patricia Martínez palabras de agradecemento para o Concello de Mos e para a alcaldesa Nidia Arévalo, e a concelleira de Deportes, Begoña Toucedo, en especial. As representantes municipais Arévalo e Toucedo destacaron “a enorme valía de Patricia Martínez como profesional da danza e a docencia e aplaudiron o gran traballo das Meninas, especialmente pola dificultade que entraña adestrar en tempos de pandemia”.
Animáronas así mesmo “a seguir adiante nesta mesma liña e continuar sendo todo un exemplo de esforzo, superación e valores deportivos para toda a mocidade mosense”. Patricia Martínez concluiu asegurando que “é de agradecer o gran apoio de Mos a nós e ao Baile Deportivo, e ser un dos Concellos de Galicia que máis apoia ao deporte en xeral e á cultura”.