As Neves | O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPP) deste mércores, día 14 de decembro, publica a convocatoria dunha Oferta de Emprego para cubrir 13 postos de traballo, de funcionario e de persoal laboral fixo, para o Concello das Neves.
A convocatoria é de quenda libre e ten coma obxectivo a mellora na prestación dos servizos públicos.
Trátase dunha das OPE máis importantes aprobadas nas Neves nos últimos anos, e forma parte do proceso de estabilización de emprego temporal e do obxectivo de progresar na prestación dos servizos públicos municipais.
Esta convocatoria abrangue, no que se refire a persoal laboral fixo: 1 posto de Axente de Emprego de Desenvolvemento Local; 1 posto de Traballador Social; 1 posto de Educador Familiar; outro de Arquitecto; 1 máis de Asistente de Axuda a Domicilio; 1 posto de Auxiliar Administrativo para o Xulgado de Paz; 1 posto de Auxiliar Administrativo de Servizos Sociais; outro de Auxiliar Administrativo de Atención ao Público e Gravación de datos e 2 postos de Limpador/a. Polo que atangue á selección de persoal funcionario, se oferta un emprego de Administrativo. En todos os casos a convocatoria é de quenda libre.
Xosé Manuel Rodríguez Méndez, alcalde das Neves, apunta que este proceso selectivo “permite ao Concello das Neves contra cunha estrutura de persoal moito máis estable o cal, sen dúbida, redundará na mellor prestación dos servizos as veciñas das Neves”.
Tal e como se comprometera, o Goberno municipal acordou cos delegadas e delegados de persoal as bases desta convocatoria, seguindo coa intención, establecida hai xa oito anos, de manter en todo momento o diálogo cos axentes sociais.