Arbo | O alcalde de Arbo e un representante de cada asociación de afectados reuníranse telemáticamente ó 30 de xuño co Secretario de Estado de Medio Ambiente do Ministerio de Transición Ecológica.
Tras a publicación no BOE do martes 26 de abril de 2022 e á vista das novas do Goberno de España sobre a Línea de Alta Tensión, o alcalde reuníase inmediatamente con representantes das dúas asociacións de afectados polo tendido da LAT, para fixar a folla de ruta a seguir en contra do trazado da linea que afecta ao territorio de Arbo.
Dende o Concello de Arbo con data 4 de maio remitíase solicitude urxente de senllas reunións coa Subdelegación do Goberno e co Ministerio de Transición Ecológica a que o alcalde acudiría cun representante de cada asociación.
Ao mesmo tempo o grupo do Partido Popular en Arbo levaba ao Pleno unha proposta de rexeitamento de calquera trazado de interconexión que afectase ao termo municipal de Arbo, instando ao Goberno de España, así como aos partidos políticos galegos con representación, tanto no Congreso como no Senado, a presentar iniciativas para que o Goberno de España teña en conta os dereitos dos veciños de Arbo e As Neves.
Das seguintes reunións cos membros das asociacións afectadas chegouse ao acordo de facer unha fronte común entre os concellos afectados, neste caso Arbo, Melgaço, As Neves e Monção e xuntos acudiron á manifestación que tivo lugar o 30 de maio dende Valiñas.
O alcalde, Horacio Gil, reuniuse o pasado 17 de xuño coas asociacións de afectados para trasladarlles que o Ministerio de Transición Ecológica fixou a data para a reunión solicitada o vindeiro 30 de xuño que será telemática dende o Salón de Plenos do Concello e ademais do alcalde asistirá un representante de cada asociación de afectados.
Durante a reunión o alcalde tamén lles trasladou as asociacións que Rede Eléctrica reunirase cos representantes das asociacións e o alcalde, o vindeiro 5 de xullo.
O Concello de Arbo, as asociacións de afectados e os veciños de Arbo seguimos mantendo a postura de rexeitamento deste trazado polo municipio de Arbo.