Lugo | O programa ‘Lugo con corazón’, impulsado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, para que a lucense sexa unha cidade cardioprotexida, formará a cidadanía interesada no manexo dos desfribriladores.
O Concello ten contratada a instalación de 67 desfibriladores, que axudarán a actuar canto antes ante posibles infartos e salvar vidas. 47 irán en edificios e instalacións municipais e 10 serán móbiles para os coches da Policía Local, os servizos de emerxencias e para facilitar ás asociacións e colectivos que os soliciten puntualmente.
Ademais, se incluirán 10 tótems para colocar en espazos públicos exteriores. Con estas cifras, Lugo será a cidade de Galicia máis cardioprotexida.
A concelleira de Benestar, Olga López, mantivo un encontro co presidente provincial de Cruz Vermella, Luis Abelleira, para coordinar e impartir os cursos.
“Aínda que no contrato da adxudicación está incluída a formación para os traballadores do Concello, desde o goberno local adquirimos o compromiso de formar tamén á cidadanía no uso de desfibriladores, xa que o tempo é vital nas paradas cardíacas”, apuntou a edil.
“É tan importante, contar con desfibriladores en diferentes puntos da cidade como saber utilizalos. Cremos importante incrementar o número de persoas capacitadas para manexar estes dispositivos que, no caso de que fose necesario, axudaran a manter con vida a unha persoa ata que cheguen os servizos sanitarios” explicou Olga López.