Mondariz | O Goberno de Mondariz continúa traballando para dotar de conexión eléctrica á estación depuradora de augas residuais construída a finais do ano pasado en Vilasobroso para dar servizo a unha decena de vivendas dos barrios da Pena e do Cruceiro.
Esta necesaria actuación para poñer en funcionamento a nova instalación do servizo municipal de saneamento non estaba incluída no proxecto orixinal, financiado polo Plan Concellos 2018-2019 da Deputación de Pontevedra e iniciado, porén, durante a lexislatura anterior.
“Esta obra deu moitísimos problemas ao Concello porque foi unha obra mal proxectada. Houbo que construír cinco pozos filtrantes que non estaban planificados inicialmente para cumprir coas esixencias da CHMS en materia de filtración de augas residuais e acadar a autorización pertinente para poder proceder á licitación da obra”, explica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.
As modificacións esixidas para acadar autorizacións sectoriais supuxeron atrasos e solicitudes de prórrogas para rematar a obra en tempo. Malia que a subvención concedida para esta obra ascendía a 157.718 euros, as empresas que concursaron durante o proceso de licitación rebaixaron ata 20.188 euros ese importe.
Executada e xustificada a obra, o Concello de Mondariz solicitou o reinvestimento desta cantidade na electrificación da instalación, mais a Deputación non o permitiu porque xa se tiñan esgotado todas as prórrogas. “Isto aconteceu en moitos concellos con proxectos arrastrados desde 2018. En Mondariz tamén ocorreu cunha obra na antiga escola unitaria de Redo, na parroquia de Vilar”, sinala Barros.
Cando comece a funcionar, a depuradora de Vilasobroso dará servizo de saneamento a non máis de dez vivendas dos barrios da Pena e do Cruceiro. Trátase dunha estación depuradora que funciona con humedais artificiais. Como a necesaria electrificación da instalación non estaba incluída no proxecto orixinal financiado pola Deputación de Pontevedra, o Concello de Mondariz traballa agora na contratación dunha segunda obra de conexión eléctrica con recursos propios. “Segundo os orzamentos solicitados, esta actuación requerirá un investimento adicional superior aos 10.000 euros”.
No marco do mesmo programa de financiación, o ano pasado tamén foi construída unha depuradora de augas residuais na parroquia de Mouriscados para dar servizo a vivendas do barrio de Poñe. “Neste caso tampouco estaba incluída a electrificación da instalación no proxecto orixinal, pero puidemos poñela en funcionamento porque coincidiu que había un transformador eléctrico ao lado”, sinala o alcalde.
En materia de saneamento, o Goberno de Mondariz continúa insistindo na necesidade de conectar o colector xeral de augas residuais á Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) construída en Mondariz-Balneario hai máis de quince anos para dar servizo a uns 6.000 habitantes, a poboación conxunta dos dous concellos. “Malia que seguimos incluíndo máis barrios na rede de saneamento municipal –recentemente aproveitamos unhas obras de mellora de asfaltado en Queimadelos para deixar instalado o saneamento nesa zona–, é necesario ter acceso á EDAR para que todo funcione e non se acabe vertendo ao río”, comenta Barros.