Monforte de Lemos | Gloria Prada Rodríguez, primeira tenente de alcalde de Monforte, participou nun acto no stand de Galicia en Fitur no que a cidade do Cabe foi protagonista xunto ás outras dúas cidades galegas que forman parte da Rede de Xuderías de España, Ribadavia e Tui. Monforte de Lemos pertence á Rede dende o ano 2001.
O acto enmarcouse dentro do programa de actividades do stand de Galicia na Feira de turismo máis importante do mundo, un acto organizado pola Red de Juderías baixo o lema “Descubrindo as xuderías galegas de Monforte de Lemos, Ribadavia e Tui”.
Deste xeito, ás 15:30 horas tivo lugar dito acto promocional, e foi presentado pola directora xeral de Turismo, Nava Castro, e no que cada un dos representantes das tres cidades galegas tivo o seu tempo para defender e resaltar o valor que cada cidade ten en torno á súa herdanza sefardí e dar a coñecer ó visitante a impronta que a comunidade xudía deixou, a nivel artístico e cultural, naquelas. E do mesmo xeito, o acto tamén serviu para dar a coñecer outros valores artísticos, patrimoniais, paisaxísticos e gastronómicos específicos de cada unha das cidades presentes.
Gloria Prado iniciou a súa intervención resaltando que “Monforte como capital da Ribeira Sacra é un paraíso dentro da provincia de Lugo, na que é a segunda cidade da provincia”. Aludiu á súa categoría como cidade, logo de que lle fora outorgado tal título polo rei Alfonso XII en 1885, e destacou ser a sede do Condado de Lemos.
Resaltou a importancia do conxunto monumental de San Vicente e da súa Torre da Homenaxe, onde se atopan importantes pegadas do pasado sefardí a través dos “signos lapidarios da estrela de Salomón”. Unha pegada, a do pobo xudeu, presente nas rúas, prazas, murallas e casas da cidade,.
A representante monfortina tamén fixo un repaso pola importante oferta turística que ofrece a cidade, dende o Parador de Turismo, pasando polo Casco Histórico declarado Ben de Interese Cultural en 1973, os Escolapios –o “Escorial galego”-, os museos da cidade, ou o Miradoiro do Duque, sen esquecer a oferta gastronómica, vinícola –grazas á “viticultura heroica”-, e de grandes eventos de periodicidade anual, como a Feira Medieval, o Festival do Viño ou as Festas Patronais.
Sen esquecer que Monforte tamén é “camiño de peregrinación por onde discorre unha das etapas más belas y emblemáticas do Camiño de Invierno a Santiago”, que recentemente foi reforzado a través da oferta turística da súa recén inaugurada Oficina municipal de Atención o Peregrino.
Prada tamén resaltou o enorme valor e potencial da Ribeira Sacra “onde o visitante pode disfrutar dunha ruta románica única, de miradoiros extraordinarios como é Miradoiro do Duque”.
A primeira tenente de alcalde salientou que “Monforte e a Ribeira Sacra están de moda, sendo un dos principais destinos turísticos este pasado ano, polo que invítoos a visitarnos e disfrutar do noso patrimonio, da impronta sefardí, da nosa gastronomía e dos nosos viños”.
Tras a súa intervención, procedeuse á proxección dun vídeo promocional da cidade de Monforte, prestándolle especial atención á súa xudaría.
As actividades promocionais do Equipo de Goberno de Monforte terán continuidade mañá xoves e o venres, días en que tamén estará presente o alcalde da cidade e presidente da Deputación, José Tomé Roca.