Concello de Mos aproba por unanimidade moción contra Unión Fenosa

Pola súa deficiente xestión na mellora da rede eléctrica

Mos | A Corporación Municipal apoiou hoxe unánimemente na última sesión plenaria do presente ano 2023 unha moción presentada polo grupo de goberno sobre a deficiente xestión de Unión Fenosa nas obras de mellora da rede eléctrica.

Así a unanimidade dos membros do Pleno da Corporación Municipal votou a favor desta moción en relación aos acontecementos producidos de averías e fallos constantes no subministro eléctrico, motivados por unha deficiente xestión por parte de UFD (Unión Fenosa) das obras de mellora da rede eléctrica en diferentes puntos do concello de Mos.

Nos últimos días sucedéronse unha serie de incidentes, e graves e reiteradas situacións de fallo no subministro eléctrico, durante a actuación de mellora de liña que se está a executar por parte de UFD no concello de Mos.

Os devanditos incidentes afectan aos veciños de diferentes parroquias, especialmente ás de Mos, Guizán, Torroso, Dornelas e Pereiras, que veñen sufrindo diversos e continuados cortes no subministro, así como incidencias periódicas producidas por estas obras, ou ben, como pouco, deficiencias na liña eléctrica que lles impiden desenvolver con comodidade e confort o día a día nos seus fogares. Atopándose constantemente os particulares con atrancos para poder realizar as súas tarefas diarias, o que complica as súas vidas.

É por elo que desde o Concello pónse a disposición dos afectados un servizo de atención persoal no departamento Municipal de Medio Ambiente e un teléfono e un correo electrónico para notificar averías e canalizar queixas que posteriormente se lle trasladarán conxuntamente á empresa: o número de teléfono é o 986 09 70 37 e o enderezo de correo electrónico afectadosUFD@concellomos.es

Así mesmo as persoas que o desexen poden reclamar tamén directamente no departamento de Atención ao Cliente de UFD.

E é que non só é a veciñanza a afectada, senón que tamén se fai extensivo o agravio a negocios que teñen que pechar a porta por non ter servizo, cos conseguintes danos materiais e perxuízos. Danos que afectan tanto a negocios como a particulares e que van dende equipos eléctricos e electrónicos que se averían, pérdida de alimentos conxelados xustamente nestas datas onde moitos veciños fan acopio para estas festas do Nadal, etc. Laméntase desde o Concello que UFD non dea solucións ás múltiples peticións realizadas dende a concellería mosense de Eficiencia Enerxética.  E declaran que xa é insostible a situación de horas de cortes diarios de subministro sen dar ningún tipo de solución ou alternativa.

Con esta moción preténdese polo tanto esixirlle a UFD o inmediato restablecemento da normalidade no subministro de enerxía eléctrica ás familias e empresas. Que poñan en práctica medidas e garantías para que non se produzan feitos similares nas seguintes semanas durante os seguintes traballos de mellora de liña. Que se fagan cargos tanto dos desperfectos materiais en vivendas particulares como nas empresas, así como de equipos eléctricos e doutros bens derivados da falla de enerxía. E que asuman as posibles indemnizacións polas perdas nos comercios e empresas afectados polos cortes de subministro.