Oia | A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, e o concelleiro de Medio Ambiente, José Manuel Rodríguez, reuníronse recentemente coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez e técnicos desta entidade para avanzar na mellora do saneamento do municipio.
Concretamente, a xuntanza serviu para coñecer os resultados dos estudios que, solicitados polo Concello, vén realizando Augas de Galicia en relación ás distintas alternativas posibles.
Así, durante a reunión abordouse toda a problemática de saneamento do concello de Oia, tanto nas poboacións da zona do interior, máis pequenas; como na zona da costa, onde están os principais núcleos.
Respecto á zona interior realizouse a presentación do resultado do estudio de alternativas do saneamento do medio rural do concello de Oia, elaborado no marco das Instrucións Técnicas para Obras Hidráulicas de Galicia (ITOHG_EDAR).
No que atinxe á zona da costa, presentouse o resultado do estudo de alternativas para mellorar a depuración na franxa costeira do concello de Oia.
Os técnicos presentaron as diferentes alternativas para dar solución ao saneamento dos distintos núcleos do concello, explicando as avaliacións efectuadas e os distintos aspectos que se tiveron en conta para propoñer distintos esquemas de saneamento posibles. Entre estes aspectos figuran as instalacións xa existentes, as redes e sumidoiros, o tamaño da poboación, densidade, tipo de terreo, puntos aos que se pode verter, costes das distintas solucións, costes por habitante, investimentos que poden ser necesarios, mantemento que implican as solucións, técnicas de depuración que poderían resultar mais axeitadas, etc.
Durante a xuntanza, aos representantes municipais trasladóuselle toda a información e ensináronselle as anteditas presentacións, acordándose que lle serían enviadas xunto cos estudios.
Agora, coas análises efectuadas e coñecida a problemática e os datos existentes, a directora de Augas de Galicia indicou que o Concello deberá analizar toda a información e decidir cal é o seu prantexamento e cales son as actuacións que consideran prioritarias, para poder continuar colaborando e empezar a abordar a súa execución. A Administración local analizará as súas opcións, adoptará as decisións sobre o que considera máis urxente e óptimo e o comunicará para solicitar a colaboración do departamento autonómico.