Oia | O Concello de Oia presentou esta semana as súas alegacións en contra do proxecto de parque eólico Toroña, pola súa incompatibilidade cos valores ambientais, paisaxísticos, patrimoniais e turísticos presentes na área de afección, así como pola falla de licencia social.
Do mesmo xeito, critica a fragmentación en varios proxectos sectoriais que na práctica sería un só, leva a que non se poida avaliar correctamente no seu conxunto todos os impactos ambientais (acumulados e sinérxicos) como consecuencia de todas esas infraestruturas eólicas, poñendo “un sesgo de información pública á cidadanía e outras administracións”.
O proxecto afecta aos municipios de Oia, Baiona, Tomiño e O Rosal e prevé, en total, a instalación de 10 aeroxeradores. A Administración oiense contratou un técnico externo para estudar este proxecto e elaborar un documento de alegacións, que foi presentado por rexistro este martes 24 de xaneiro.
O documento consta dun total de 26 alegacións, que aluden a cuestións como a existencia de importantes impactos sobre flora e fauna, a auga, o monte comunal, áreas de interese paisaxístico e o patrimonio, entre outras cuestións. O documento critica carencias dun proxecto no que se minimizan algúns impactos negativos e se ocasionarían afeccións severas, críticas e irreversibles nalgúns casos.
O posicionamento do Concello de Oia está contido nun detallado documento de 78 páxinas onde, unha a unha, vanse pormenorizando cada unha das 26 alegacións contra o proxecto eólico. O documento completo está accesible para a súa consulta na web municipal, no apartado específico dedicado ao parque eólico Toroña: https://www.concellodeoia.es/parque-eolico-torona/
Este é o terceiro parque eólico contra o que o Concello presenta alegacións, os dous anteriores: Albariño I e Merendón foron informados desfavorablemente pola Xunta de Galicia. E nos próximos días sairá publicado o parque eólico Torroña I, documentación que estará dispoñible na web do Concello proximamente. Contra este novo parque, o Concello presentará novamente alegacións en contra.