Ponteareas | O Concello consegue unha subvención de 220.000 euros da Xunta de Galicia para poñer en marcha o Programa Integrado de Emprego. Mediante esta acción formativa e durante 12 meses, 100 veciños e veciñas especializaranse nas profesións que demanda o tecido empresarial da contorna co obxectivo de aumentar as súas posibilidades de inserción laboral.
Entre as persoas que se benefician deste Programa Integrado de Emprego atópanse desempregados e desempregadas menores de 30 anos con baixa cualificación, maiores de 45 anos, parados de longa duración ou mulleres vítimas de violencia de xénero, entre outros colectivos.
Dispoñen de tres itinerarios para especializarse en sectores punteiros e cunha alta demanda como é o caso de montaxe e mantemento de instalacións eléctricas, albanelaría e fontanería e o sector servizos.
Ademais, recibirán clases sobre técnicas de autocoñecemento, manexo de novas tecnoloxías orientadas á busca de emprego ou sobre o fomento de capacidade emprendedora.
A concelleira da área, Silvia Fernández, indica que “esta acción formativa é un exemplo da nosa aposta polo emprego como un dos motores de transformación da nosa vila” e pon en valor que “o goberno municipal foi quen de conseguir esta subvención de 220.000 euros da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e de Igualdade. É imporante para o municipio que os veciños e as veciñas que desexen incorporarse ao mundo laboral conten cos recursos necesarios”.
Este programa, que o Concello xa iniciou no mes de novembro, inclúe o compromiso de contratación de, polo menos, o 40% dos participantes e conta cun bolsa de axuda ao desprazamento para o alumnado.