Ponteareas | O Concello de Ponteareas está á espera dende hai case tres meses da visita a Ponteareas dos técnicos da Consellería de Sanidade para poder ofertar un terreo para un novo Centro de Saúde. O 4 de novembro a Xunta comunicou á alcaldesa, Cristina Fernández Davila, a súa intención de construílo, previa cesión dun terreo por parte do Concello.
Na carta a Xunta adiantaba que “desde a Consellaría poñémonos á vosa disposición para axudarvos na localización do terreo axeitado. O noso persoal técnico está á vosa disposición para visitar e avaliar aquelas parcelas que consideredes e determinar se cumpren ou non coas necesidades requiridas desde o punto de vista técnico”.
Atendendo á petición e ofrecemento da Consellería, a alcaldesa remitiu o 21 de decembro, coincidindo coa entrada en vigor do PXOM, unha carta solicitando “concertar unha data na que se poida reunir a parte técnica da súa Consellería e do Concello coa finalidade de acadar unha solución satisfactoria”. Ante a falta de resposta á carta e a chamadas telefónicas, a alcaldesa reiterou a petición por escrito o pasado 3 de marzo, continuando pendente da contestación da Xunta a día de hoxe.
Na comisión informativa celebrada onte presentouse un informe do arquitecto municipal no que se sinala que a información facilitada por carta pola Xunta “resulta exigua e insuficiente para que o Concello poda tomar unha decisión axeitada”.
Por iso no seu informe o técnico municipal conclúe que “se debe reiterar a solicitude á Xunta dunha reunión cos técnicos da Consellería para clarificar e concretar os detalles relativos á súa planificación e as previsións do novo centro e do actual”.
O arquitecto lembra que no PXOM xa se prevé un terreo especificamente para un novo equipamento sanitario, na zona onde se atopa o actual centro de saúde e que “o máis coherente e lóxico é ofertar esa parcela analizando conxuntamente cos técnicos da Xunta se é apta ou non para atender as súas necesidades e, en caso negativo, analizar outras posibilidades”.
A alcaldesa Cristina Fernández Davila reiterou a disposición do Concello a colaborar coa Xunta pero engadiu que “se a Xunta non contesta ás nosas solicitudes dificilmente se poderá avanzar”. Para a alcaldesa esa ausencia de resposta en tres meses podería revelar que “malia o anuncio feito e a resposta positiva do Concello, para a Xunta non é unha prioridade construír ese novo centro”.
A alcaldesa lembrou ademais que “mentres non se avance no novo centro de saúde é unha obriga ineludíbel da Xunta atender debidamente o actual, onde 9.000 pacientes carecen de médico ou médica asignada, e solucionar os seus graves problemas e carencias”.