Ponteareas | O Concello alerta de que o centro de saúde de Ponteareas atópase sumido nunha situación crítica debido á falta de persoal médico, unha situación xa delicada que verase agravada coa chegada das quendas de vacacións para todo o persoal sanitario e facultativo, xa que a Consellería de Sanidade non cubrirá as prazas vacantes.
Dos 15 médicos ou médicas que debería haber no centro de saúde por número de tarxetas sanitarias, na actualidade están en activo 6 e outros catro facultativos ou facultativas de baixa médica e por maternidade. Unha cifra que se reducirá coas vacacións estivais e que “evidencia un claro déficit de recursos humanos nunha área de vital importancia para ponteareáns e ponteareás”, como explica a alcaldesa en funcións, Cristina Fernández.
Dende verán de 2021 suprimiuse a quenda de tarde e na actualidade máis de 8.000 persoas non contan con médico ou médica asignada, o que implica que cada vez que precisan asistencia sanitaria son incluídas en cupos de diferentes profesionais, o que non permite realizar un seguimento axeitado das e dos doentes.
“Esta situación pon en perigo a saúde e a vida dos nosos veciños e veciñas, xa que non se fai a prevención necesaria nin o correcto seguimento das enfermidades crónicas e cada vez que unha persoa que precisa ir ao médico deben decidir se acudir a urxencias, se lles chega cunha consulta telefónica ou se poden agardar semanas para ser visto por un facultativo ou facultativa que cambia cada vez”, lembra Cristina Fernández.
A pesar das ofertas anuais de prazas para os novos médicos e médicas residentes (MIR) ou traslados, non hai persoal que escolla as prazas vacantes xa que Ponteareas “é o centro de saúde peor organizado e máis caótico de toda a Área Sur”. Unha situación que se agrava tamén coa rotación constante dos traballadores e traballadoras, tamén do persoal administrativo.
Por outro lado, o Punto de Atención Continuada (PAC) funciona soamente de 15.00 a 08.00 horas do día seguinte e de 08.00 a 15.00 horas está atendido por algún médico ou médica do centro de saúde, algo que cada vez é máis complicado realizar cos efectivos actuais cos que se conta.
“É fundamental que se cubran as ausencias de forma axeitada e que se estableza un sistema de rotación eficiente que garanta unha atención médica integral e de calidade para todos e todas”, recalca. Ademais, o posto de enfermaría do centro de saúde quedará sen cubrir xa que se cambia cara ao propio PAC.
Fernández manifesta a preocupación e malestar que esta situación está a xerar entre a veciñanza, xa que a situación de deterioro da atención primaria en Ponteareas e en toda Galicia “está acadando un punto de inflexión que pode ser irreversíbel se non se lle pon remedio de forma urxente”.