Ponteareas | O proxecto de remodelación da nave de Aceros del Tea e a súa adecuación para uso municipal está máis preto logo da sinaturada da acta de inicio da obra entre o Concello de Ponteareas e a empresa adxudicataria PRACE Servicio y Obras SL.
Dáse así un paso máis na execución dos traballos logo de dous intentos errados de adxudicación do anterior goberno municipal, e de conseguir a titularidade municipal da nave, todo en menos de catro meses dese a chegada ao goberno.
Segundo consta na acta, que recolle as motivacións do propio concello, a “finalidade (desta actuación é) protexer e poñer en valor un elemento arquitectónico catalogado como patrimonio industrial, en desuso e en estado de degradación, e contribuír á rehabilitación e transformación do casco urbano da vila, así como ao incremento do turismo como consecuencia do atractivo resultante da intervención”.
Con este obxectivo, iníciase a transformación da antiga nave sita no número 26 da Avenida de Galicia, en equipamento público, mantendo o seu aspecto exterior.
A empresa adxudicataria PRACE Servicios y Obras SA, iniciará á maior brevidade os traballos topográficos e de acondicionamento interior da nave, redactará o proxecto de rehabilitación e de execución, a propia rehabilitación así como actuacións específicas para promocionar a intervención grazas á aportación dos fondos comunitarios FEDER e contando coa participación activa da cidadanía.
A inversión total para estes traballos ascende a 720.000 € e forma parta de EDUSI do Concello, que se financia con fondos FEDER no marco do programa Operativo Plurirrexional de España.