Ponteareas | O Concello de Ponteareas decretou dous días de loito oficial tras o falecemento dun dos seus fillos predilectos, o músico e compositor Rogelio Groba Groba. A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, lamentou a triste nova e no nome da Corporación Municipal transmitiu as súas condolencias á familia e persoas achegadas.
“O mestre Groba foi un ponteareán exemplar, un traballador único e incansábel e unha persoa que transpiraba simpatía e alegría. No ámbito músical, déixanos un legado que supera as 700 composicións, o que o converte no compositor máis prolífico do noso país. Será eternamente un referente para Galicia e un orgullo para Ponteareas” sinalou a alcaldesa.
Entre o inmenso legado musical que deixa Rogelio Groba, sempre concibido dende o amor á nosa terra, poden atoparse distintas obras inspiradas en Ponteareas, que o mestre dedicou á nosa vila e entregou ao Concello como mostra da súa xenerosidade.
Groba colleitou numerosos premios e recoñecementos ao longo do seu periplo profesional, como o Premio da Crítica Galega (1979), Premio Xunta de Galicia da Cultura (1992), a Medalla Castelao (1995), Galego do Ano (2002), Premio Cultura Galega da Música (2011), entre outros. En Ponteareas, foi nomeado Fillo Predilecto no ano 2006 e foi homenaxeado co bautismo dunha rúa co seu nome no 2016.
O Concello de Ponteareas impulsa anualmente o Festival Groba, que estrea as súas composicións dende o ano 2013. Recentemente, colaborou e divulgou o libro O neno Groba e Música e publicou o libro Rogelio Groba. Os acordes da natureza na súa colección de “Creadores ponteareáns”.
A Deputación traslada o seu “enorme e fondo pesar”
A Deputación de Pontevedra vén de trasladar o seu “enorme e fondo pesar” polo falecemento do recoñecido profesor e compositor musical Rogelio Groba. Carmela Silva, que trasladou á familia e amizades do fillo predilecto de Ponteareas “todo o agarimo da corporación provincial”, subliñou que “non se pode entender a música galega e a formación musical en Galicia sen falar de Rogelio Groba”.
“Rogelio Groba merece todo o noso recoñecemento pola súa inxente traxectoria creativa pero tamén pola ser o grande impulsor dos estudos musicais en Galicia e de entidades como a Orquestra Sinfónica de Galicia”, recordou a presidenta da Deputación. “A súa pegada permanecerá sempre entre nós cando escoitemos algunhas das súas máis de 700 obras, os acordes de pezas como Divinas palabras, María Pita, Camiños de Rosalía ou a derradeira Voces da Terra”, engadiu Carmela Silva.
Rogelio Groba, nado en 1930 en Guláns, Ponteareas, contactou por vez primeira coa música a través da banda “A Unión” onde comezou a tocar o flautín antes de coller a batuta da agrupación con 17 anos. Estudou no Real Conservatorio de Música de Madrid, acadando o título Superior en Composición, e exerceu como director de banda en diferentes localidades da xeografía estatal. En 1962 trasladouse a Suíza onde tamén dirixiu numerosas agrupacións musicais e, ao regreso a Galicia, exerceu como profesor de Contrapunto e Fuga, Harmonía e Composición na Coruña, onde tamén dirixiu o seu conservatorio. Trala súa xubilación seguiu vencellado estreitamente á música, compoñendo numerosas pezas e publicando ensaios e libros sobre a música.