Ponteareas | O Concello de Ponteareas e o Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil (SEPRONA) están a colaborar para acabar coas verteduras incontroladas que se están a producir nos últimos meses en diferentes puntos da vila.
Ambas entidades teñen en marcha un dispositivo de vixilancia e control co que se busca atopar ás posibles persoas infractoras e responsábeis de deixar os residuos sólidos de diferente natureza fóra dos lugares habilitados. Esta colaboración xa se saldou cunha primeira denuncia tramitada por unha infracción grave por abandono de móbeis e utensilios na vía ou en espazos públicos.
A ordenanza municipal da limpeza da vía pública e recollida de residuos sólidos urbanos de Ponteareas recolle multas que van ata 6.010,12 euros por unha infracción grave cando a vertedura inclúe residuos industriais que sexan considerados tóxicos ou perigosos.
Ademais, a lei estatal 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular considera unha infracción moi grave a vertedura de residuos sen autorización, con multas de ata 3,5 millóns de euros por solos contaminados.
A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, lembra que o regulamento municipal establece estas sancións elevadas para o abandono, incluído lixo disperso; a vertedura e a xestión incontrolada de calquera tipo de residuos, porque pode supoñer un perigo grave para a saúde das persoas ou producirse un dano ou deterioro grave para o medio ambiente ou espazos protexidos.
“Este tipo de accións causan un importante prexuízo tanto á propia veciñanza como á contorna dende o punto de vista ambiental e amosan a falta de respecto cara ao resto de veciños e veciñas”, recalca a edil.
Covelo lembra ademais que Ponteareas conta cun servizo municipal de recollida de todo tipo de lixo e utensilios totalmente de balde chamando ao número de teléfono do punto limpo 986 640 307.
Neste caso, indicaráselle día e horario para proceder a depositar os diferentes elementos para que a empresa pase a recollelos coa maior brevidade posible.