Ponteareas | O Concello de Ponteareas entregou hoxe á Casa Cultural de Arcos o documento que fora solicitado xa o 13 de agosto e reiterado o 1, 2 e 3 de outubro polo presidente da Asociación, Roberto Mera, e que fora solicitado pola Xunta de Galicia para a concesión dunha subvención para a instalación de placas fotovoltaicas na Casa Cultural de Arcos.
A entrega do documento prodúcese logo da insistencia da Casa Cultural e tras denunciar públicamente que a falta de resposta do Concello estaba poñendo en perigo a concesión da subvención, que pode ascender a preto de 7.500 euros para un investimento de máis de 12.000 euros.
Segundo as informacións facilitadas polo INEGA da Xunta, a resolución sobre a concesión da subvención é inminente pero precisaba do documento que debía emitir o Concello.
Mera lembrou que “a subvención solicitámola dende a Asociación no mes de marzo ante a negativa do Concello a facelo”.
O proxecto de instalación de placas fotovoltaicas na Casa Cultural de Arcos contempla a colocación de 29 placas, cunha previsión de produción de 23.883 Kw. O gasto eléctrico da Casa Cultural supera os 6.000 euros anuais, polo que a instalación de placas fotovoltaicas suporá unha redución enorme dese gasto que asume en exclusiva a veciñanza, ademais de contribuir á mellora ambiental coa redución de emisións e a utilización dunha enerxía renovábel.