Ponteareas | O Concello de Ponteareas iniciou a tramitación do desenvolvemento urbanístico da área de reparto nº10 do PXOM, de case 17.000 m2, onde se asentaba Granitos de Galicia e Aceros del Tea. O primeiro trámite foi a aprobación por parte da Xunta de Goberno da delimitación poligonal da área urbanística, como consecuencia da solicitude realizada pola sociedade mercantil propietaria dos terreos.
Con esta aprobación ponse en marcha un proceso que implicará, por unha banda, a cesión en propiedade a favor do Concello e para uso público de máis de 7.000 m2 de terreo, onde se inclúen o actual aparcadoiro e as naves de Aceros del Tea, que se destinará a un grande equipamento sociocultural con financiamento europeo. Por outra banda, a sociedade mercantil propietaria dos terreos impulsará o desenvolvemento urbano do resto da superficie para destinar a usos comerciais e de servizos.
O Goberno municipal salienta que grazas ao PXOM aprobado o pasado ano este antigo espazo industrial, hoxe abandonado e degradado, se transformará nunha área urbana de calidade, con grandes espazos abertos e instalacións públicas, que cambiará por completo a fisionomía da vila cun novo urbanismo racional e sustentábel.
A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, explicou que o PXOM está sendo un motor para o crecemento económico e creación de emprego en Ponteareas e a área urbanística de Granitos é un bo exemplo.
“Transformar toda esta zona con novas instalacións e servizos públicos e con novos usos comerciais e de servizos suporá unha grande inxección económica para as pequenas e medianas empresas de Ponteareas e creará moito emprego en sectores como a construción ou o comercio”, destacou.
Pola súa banda, a segunda tenenta de alcaldesa, Chus Garrote, lembrou que “o PXOM que aprobamos o pasado ano supón un antes e un despois para Ponteareas e o paso dun urbanismo descontrolado a outro equilibrado que fai medrar a nosa vila de maneira razoábel, protexendo o interese xeral e buscando o beneficio para a sociedade mediante a obtención de terreos e instalacións para o Concello sen ningún custo”.