Concello de Ponteareas inicia o Plan Especial para Xinzo

Atendendo unha demanda histórica na ordenación do seu núcleo rural

Ponteareas | O Concello de Ponteareas dá resposta a unha demanda histórica e inicia as xestións para o desenvolvemento do plan especial de ordenación do núcleo rural PEONR Nº A Portela, Xinzo. Trátase duns terreos baleiros situados ao pé da estrada N-120, no entorno da Igrexa de Santa Mariña, o Campo de Festas e o Centro Cultural de Xinzo que agora serán destinados a usos dotacionais.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, informa que se aprobou inicialmente o plan especial e, solicitados os informes sectoriais de patrimonio e estradas, ábrese o período de información pública nun prazo de 2 meses despois da súa publicación no DOG. Esta aprobación permite comezar a traballar para transformar este solo e facer posible grandes proxectos moi necesarios para a mellora da calidade de vida das e dos veciños de Xinzo.

A parroquia de Xinzo, con máis de mil douscentos habitantes, viñan demandando dende hai anos equipamentos básicos para desenvolver actividades diarias e servizos de coidados enfocados aos seus maiores.

A concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández, adianta que nos vindeiros días contactarán con todos os e as propietarias do ámbito, sendo a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Xinzo, a propietaria maioritaria co 47,55% da superficie privada do polígono. Xuntos traballarán para facer posibles novos equipamentos para a cidadanía, tal e como xa prevé o Plan Xeral de Ordenación Urbanística (PXOM) para esta bolsa de solo dotacional.

Alcaldesa e concelleira de Urbanismo explican que, de acordo coas previsións do PXOM de Ponteareas, o Plan Especial A Portela ten como finalidade establecer a ordenación detallada do ámbito e dotalo dunha estrutura urbanística, mellorar a conectividade e accesibilidade e a rede de servizos existentes.

Campamento da Asociación Kiriko Natura
O Concello de Ponteareas e a asociación lúdica Kiriko Natura asinan un convenio de colaboración para que as nenas e os nenos de Ponteareas gocen dun 20% de desconto nos seus campamentos do 6 ao 10 de agosto deste verán. A iniciativa, da que participan tamén cos concellos de As Neves e Salvaterra de Miño, chega con motivo do 20 aniversario desta granxa escola que ten as súas instalacións en Fornelos de Montes.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, sinala que este convenio permite un aforro para as familias e supón unha oportunidade ideal para o desenvolvemento medioambiental e social dos pequenos e pequenas, nunha granxa escola situada nun espazo natural e cargada de actividades dinámicas e respectuosas co medio rural.

O Kiriko está situada nun emprazamento perfecto para a práctica destas actividades naturais, cunhas instalacións equipadas con todo tipo de medidas aptas para un correcto desenvolvemento das actividades. A asociación ofrece xogos deportivos como piragüismo, escalada, ou tiro con arco; actividades de horta onde aprenderán sobre hortalizas e vexetais e xogos no bosque, con carreiras de orientación e pasatempos en relación coas árbores e plantas.

O Concelleiro de Xuventude, Cristian Montes, adianta que acompañarán aos nenos e nenas monitores de tempo libre e profesionais do ensino con coñecementos do medioambiente. Ademais, cun mínimo de vinte inscritos disporase dun autobús para o desprazamento ata a granxa escola.

O prazo para facer as inscricións xa está aberto e ten de límite ata o próximo 20 de xullo. Para anotarse, abonda con cubrir o formulario dispoñible na web de Kiriko Natura e envialo, xunto cunha copia do DNI, ao enderezo de correo electrónico do Concello. Este domingo 9 de xuño a granxa escola Kiriko terá unha xornada de portas abertas organizada en dúas quendas.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.