Ponteareas | O Concello de Ponteareas vén de instalar unha decena de paneis informativos nas principais áreas peonís do centro urbano que inclúen datos e información dos tempos de percorridos urbanos a pé, das áreas peonís e parques públicos e das zonas de aparcamento. Tamén se recollen e exhiben imaxes comparativas da situación, anterior e futura das rúas peonís. Por último, os paneis promocionan o comercio local e tradicional lembrando as súas vantaxes.
Baixo o título Ponteareas Vila 10, co que se salienta que no centro urbano “todo está a menos de dez minutos camiñando”, os paneis mostran o Metrominuto, un mapa ou plano sinóptico que mide distancias entre diferentes puntos e os tempos medios que se tarda en desprazarse a pé por eles. Trátase dun elemento que promociona o hábito de camiñar e que impulsa a Rede de Cidades que Camiñan, á que pertence Ponteareas.
Unha das informacións máis visuais que ofrecen os paneis son as imaxes comparativas de cada rúa. A través de fotografías dende o mesmo lugar lémbrase como eran esas rúas cando estaban ocupadas masivamente polos vehículos a motor, recóllense imaxes actuais das mesmas rúas agora ocupadas pola xente e amósanse as recreacións mediante infografías dos proxectos de humanización que xa foron redactados polo Concello e que reflicten como serán no futuro esas rúas.
Ademais, os paneis inclúen un completo rueiro do centro urbano, sinalando as áreas peonís, os parques e xardíns e os grandes aparcadoiros que rodean o centro urbano e que suman máis de 1.000 prazas dispoñíbeis, ás que se engaden centos delas situadas en zona azul rotatoria.
Tamén se recolle de forma moi gráfica a información relativa aos supostos nos que un vehículo está autorizado a acceder á área peonil, entre eles aqueles nos que unha persoa precisa recoller ou deixar obxectos pesados ou moi voluminosos que non se poden transportar a pé ou os casos de mobilidade reducida.
Por outra banda, os paneis tamén inclúen unha campaña de promoción do comercio local, salientando que o centro urbano é unha grande área comercial na que as persoas consumidoras poden atopar toda variedade de produtos, de calidade e coa confianza do trato directo, nunha contorna agradábel e con facilidades para acceder en coche quen realmente o precisa, podendo recoller compras voluminosas ou pesadas diante do propio local.
Cursos de balde para as parroquias
O Concello de Ponteareas leva novos cursos de balde ás diferentes casas e centros culturais para achegar “o maior número posíbel de actividades lúdicas e didácticas ás nosas parroquias”, como explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba. Neste camiño, o Goberno municipal porá en marcha xa a vindeira semana un curso de cestería na Casa Cultural de Arnoso, un taller de 12 horas de duración no que as e os participantes aprenderán a elaborar distintas pezas artesanais.
Este curso comezará o vindeiro martes 28 de febreiro e as clases impartiranse martes e venres de 16.30 a 19.00 horas. Xunto con este taller, o Concello ten organizado outro obradoiro de cestería na Casa Cultural de Prado tamén de 12 horas de duración.
En marzo será a quenda do curso de memoria que terá lugar na Casa Cultural de San Mateo de Oliveira, un taller de maior duración que se impartirá entre o 6 de marzo e o 8 de maio.
As persoas interesadas en participar en calquera destes cursos só terán que achegarse ao seu centro cultural, ao departamento de Cultura ou a través do correo electrónico departamentocultural@ponteareas.gal para informarse.
Por outro lado, o vindeiro mes tamén arrancarán dous cursos de lingua de signos nas casas culturais de Guillade e de Guláns. Con 30 horas de duración os talleres impartiranse luns e mércores de 19.00 a 21.00 horas dende o 20 de marzo ata o 10 de maio. As interesadas e interesados en inscribirse deberán facelo no rexistro de entrada do Concello.