Ponteareas | O Concello de Ponteareas esixe á Xunta que inclúa no seu proxecto de Lei de Orzamentos de Galicia para o ano 2022 partidas económicas específicas “para satisfacer as necesidades urxentes para Ponteareas”.
A Corporación municipal aprobou por unanimidade en pleno extraordinario unha proposta conxunta de BNG, ACIP e PSOE para “reclamar os compromisos claros que a Xunta fixo en determinados momentos ao Goberno local e á veciñanza e que é preciso que reflicta nos seus orzamentos”, posto que no borrador actual “esquécense necesidades imperiosas para Ponteareas como o saneamento de Ribadetea, para o que Augas de Galicia non contempla nin un só euro”.
Deste xeito, ademais de orzamento propio para o proxecto de saneamento na parroquia de Ribadetea e a execución da primeira fase do colector xeral, o Concello esixe partidas específicas para a ampliación ou construción dun novo centro de saúde na vila.
As obras de renovación da residencia de maiores; o ximnasio do CEIP de Oliveira, a reforma integral do CEIP Fermín Bouza Brey, a mellora da eficiencia enerxética nos centros educativos e outras actuacións solicitadas polos centros; as obras de mellora da seguridade viaria e peonil en diferentes tramos das estradas autonómicas que afectan á localidade; ou a mellora en elementos patrimoniais como a Ponte dos Remedios e a Ponte das Partidas.
Ponteareas tamén solicita o apoio económico para servizos competencia da Xunta e que está a asumir o Concello, como o Conservatorio de Música e a Escola Infantil; unha partida específica para compensar aos municipios os gastos de hixienización dos CEIP e para a redacción do proxecto de execución das obras de construción da nova escola infantil da vila, “a primeira que realizaría a Xunta na localidade”.
O pleno aprobou tamén este xoves o apoio á manifestación en defensa da sanidade pública convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, que se celebrará o domingo 14 de novembro ás 12.00 horas en Santiago de Compostela baixo o lema ‘Salvemos a atención primaria’.
O Concello súmase así ás reclamacións da plataforma, que demanda que se recupere a accesibilidade dos centros asistenciais cunha atención 100% presencial, que se incremente o cadro de persoal nos centros de saúde e que se repoña a Xerencia de Atención Primaria como forma de organización específica da área e con orzamento propio e non dependente do hospital de referencia.
Por outra banda, o Goberno local aprobou tamén unha operación de tesourería que permitirá cubrir as necesidades provocadas polos máis de 3 millóns de euros que o Concello adiantou en pagos correspondentes a obras xa executadas da estratexia de desenvolvemento urbano “Ponteareas, Hábitat Saudábel”, cuxos ingresos están pendentes de recibir.