Ponteareas | A concellería de Facenda do Concello de Ponteareas, que dirixe Francisco J. Represas, informa da próxima entrada en funcionamento do novo Portal Tributario Municipal (OVT), un novo servizo municipal a través do que se poderá acceder a toda a información e normativa recadatoria municipal actualizada.
O Portal Tributario Municipal dispón dunha ferramenta destacada coa que o contribuínte terá a oportunidade de asumir o control dos seus tributos ao permitir calcular, declarar e ingresar no mesmo momento a cantidade que debe pagar, dispoñible 24 horas e 365 días ao ano, tendo a cidadanía total autonomía e facilidades no cumprimento das obrigas fiscais.
Desde a OVT, ademais, poderase facer o pago utilizando calquera canle de ingreso habitual e que incorpora a opción BIZUM como ferramenta que permite traspasar diñeiro de forma instantánea, cómoda e gratuíta con tan só enviar unha mensaxe desde o móbil; outra funcionalidade prevista será a posibilidade de, previa consulta telefónica, autoliquidar desde o Portal e ingresar a taxa do guindastre, de forma que o xustificante de pago será válido durante un prazo aproximado de 2 horas para validar a retirada do vehículo.
Enmarcada na estratexia “Ponteareas Simplifica” que ten como obxectivo achegar a administración á cidadanía a través de ferramentas dixitais o Portal Tributario Municipal comezará a funcionar no mes de setembro para minimizar atrasos, cargas administrativas e recadatorias, reducir trámites e evitar duplicidades.
“Seguiremos avanzando para que a relación entre administración e cidadanía sexa áxil, doada e cómoda. Ponteareas Simplifica contempla unha batería de accións encamiñadas a dar un servizo útil que evite desprazamentos e permita un control da cidadanía das súas xestións, responsabilidades, obrigas e dereitos”, explica Francisco Represas.
Obradoiro de Emprego dual “Val do Tea”
Novo respaldo á cidadanía que procura emprego, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia vén de conceder ao Concello de Ponteareas o obradoiro de emprego dual “Val do Tea” que permitirá mellorar a formación de 20 persoas e facilitará a súa inserción laboral.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, salienta o traballo do equipo de formación e emprego da Concellería dirixida por Silvia F. Táboas, ao presentar propostas de calidade e axeitadas e conseguir o apoio da Consellería, “un respaldo imprescindible que redunda non só nas persoas beneficiarias tamén no resto da vila na que o alumnado intervén aportando melloras”. O obradoiro dual, explica a alcaldesa, persegue mellorar a empregabilidade dos participantes, ofrecéndolles unha formación teórico-práctica para o emprego de calidade. Ao tempo, suporá a mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local, así como a prestación de servizos de interese xeral e social que repercuten na mellora da calidade de vida e dos servizos para toda a sociedade.
Na actualidade, salienta a concelleira de Formación e Emprego, vinte persoas están en formación no obradoiro de emprego dual que rematará en novembro, “conseguimos xa un novo obradoiro de emprego antes de que rematara o que está en vigor e así non deixar nunca de investir esforzos en mellorar a empregabilidade das persoas”. Este novo obradoiro de emprego súmase ás accións formativas de inserción laboral do Plan Integrado de Emprego e ao obradoiro de emprego xuvenil co que contará por vez primeira o Concello de Ponteareas.
O obradoiro dual Val do Tea ofrecerá dúas modalidades que atenden á demanda do mercado laboral, albanelería e xardinaría/construción. Nove meses de formación con contrato de traballo e coa posibilidade de inserción posterior en empresas da contorna.
O alumnado, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, pode obter un certificado de profesionalidade. Tamén se lles abre a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito das materias impartidas por un mínimo de tres meses unha vez completada a formación, grazas aos incentivos que ofrece a Xunta. Para acceder a estes obradoiros, priorizaranse as persoas con especiais dificultades de inserción: mulleres, vítimas de violencia de xénero, emigrantes retornadas, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, desempregadas de longa duración, maiores de 45 anos, persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, entre outras. Terán preferencia tamén as persoas discapacitadas ou as beneficiarias do tramo de inserción da renda básica de Galicia, así como as que solicitaran este servizo a través da súa demanda de emprego e, dentro destas, aquelas que teñan prevista a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción laboral.