Ponteareas | O Concello segue a traballar para transformar a nave de Aceiros do Tea nun novo modelo de espazo público capaz de incorporar as necesidades sociais da Ponteareas do século XXI.
Representantes do goberno municipal do BNG-PSOE e o equipo técnico redactor do proxecto básico e de execución da obra expuxeron o alcance de rehabilitación destas instalacións construídas en 1958 nun acto de participación social que contou coa presenza e participación de representantes de diversas asociacións e entidades ponteareás, que puideron realizar as súas achegas.
Durante o encontro debullouse a todas e todos os presentes dun proxecto que busca “recuperar o legado industrial da nosa vila transformando unhas instalacións deterioradas nun novo referente urbano, creando nelas un espazo único e actual, con equipamento público de uso sociocultural e proporcionando un lugar de encontro e lecer para a veciñanza”, como destaca a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.
O proxecto permitirá a transformación da torre de oficinas e da nave de 1.500 m, así como da balsa de decantación situada entre a propia nave e a Estación de Autobuses, potenciando a súa máxima capacidade ao tempo que se conservan ao máximo os elementos de deseño orixinais que fan do emprazamento un lugar único.
Por un lado, o Concello creará na nave unha praza diáfana e cuberta destinada a todo tipo de eventos sociais e artísticos, concertos, feiras ou festivais que, en ausencia de programación, funcionará como unha praza pública. E, por outra banda, a balsa de decantación converterase nun escenario ao aire libre con bancadas e unha gran rampla de baixada ao espazo inferior e unha das naves e a torre das antigas oficinas acollerán espazos pechados, illados termicamente e insonorizados, que serán destinados a aulas, obradoiros, conferencias e espazos de ensaio musical e outras disciplinas, así como clases maxistrais.
A rehabilitación converterá as instalacións “nun equipamento emblemático, contemporáneo e innovador, enerxeticamente sostíbel e totalmente accesíbel, recuperando o edificio, respectando a súa imaxe industrial exterior e transformando o seu interior nun espazo excepcional e de referencia para Ponteareas e o sur de Galicia tanto pola intervención arquitectónica, orixinal e moderna, como polos seus usos”, salienta a a segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote.
Ademais, a intervención tamén abordará o espazo exterior na Avenida de Galicia e na rúa Carballos, xerando novas zonas peonís, axardinadas e de estancia que darán visibilidade ao conxunto das instalacións e facilitarán o acceso das persoas.
A transformación deste conxunto industrial, que suporá un profundo cambio na contorna e permitirá seguir recuperando espazos para as persoas, está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’.