Ponteareas | O Concello de Ponteareas reabriu ao tráfico a rúa Vidales Tomé, pola que dende a tarde de onte xoves pasou a circularse en sentido único cara á rúa Morales Hidalgo, permitindo un fluxo conxunto e seguro para peóns e vehículos.
A rúa terá a velocidade limitada a un máximo de 10 km/h e prégase a todas e todos os condutores que circulen pola zona que extremen as precaucións e respecten as normas, xa que se trata dunha rúa situada nun espazo peonil transitado pola veciñanza.
O tráfico pecharase os festivos e as fins de semana dende o sábado ás 07:00 horas ata o domingo ás 23:59 horas.
A rúa Vidales Tomé conta cunha parada de taxis situada diante do Centro Artístico Sportivo, con dúas prazas de mobilidade reducida ao seu carón. Por outra banda, ao outro lado da Praza de Bugallal, na rúa Morales Hidalgo, habilitaranse outras tres prazas de mobilidade reducida así como sete prazas de parada limitada a 15 minutos co obxectivo de permitir ás e aos ponteareáns realizar xestións e recados nas inmediacións de xeito cómodo e sen causar conxestión na zona.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, resaltou a importancia desta medida para a vida da vila, xa que “mellora significativamente a mobilidade de Ponteareas. Esta rúa é unha arteria fundamental e un enlace esencial do núcleo urbano ponteareán, polo que a súa reapertura facilitará a vida cotiá dos nosos veciños e veciñas”.
É importante salientar que o tráfico rodado continuará pechado nas demais rúas da contorna, agás para vehículos autorizados (residentes, persoas con mobilidade reducida, emerxencias, carga/descarga e taxis), así como nas rúas Oriente, Esperanza ou no lateral da Praza de Bugallal en dirección a Amado Garra.