Ponteareas | O Concello vén de sacar a licitación a execución do proxecto de mellora do centro municipal Asprodico, no que se prestan con carácter principal servizos de atención temperá e de atención diúrna terapéutica ocupacional.
O obxectivo destes traballos é mellorar a envolvente térmica do edificio e dotar de instalacións de climatización para potenciar a confortabilidade das instalacións e a redución das emisións de CO2.
“As melloras nestas dependencias beneficiarán aos usuarios e usuarias das instalacións, tanto aos veciños e veciñas aos veciños e veciñas que participan nos obradoiros ocupacionais como as persoas con discapacidade da comarca que utilizan os servizos de Adapta, que poderán gozar dunhas instalacións modernas e confortables. E tamén repercutirá de forma positiva nos socios e socias da Asociación Veciñal de Canedo, que na actualidade conta cun local no propio centro que tamén será remodelado”, destaca a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.
Con estas obras acometerase o illamento das fachadas polo exterior dos distintos módulos, da cuberta polo exterior e dos falsos teitos; substituiranse as carpintarías exteriores dos módulos superiores; realizarase a renovación integral dun local da planta baixa e o acondicionamento da soleira de todos os módulos da planta superior, entre outras actuacións. “Con estas actuacións lograrase ademais un aforro no consumo do edificio do 56%”, salientou a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera.
O Concello conseguiu fondos europeos e provinciais para acometer esta actuación, que suporá un investimento de case 328.000 euros. Será cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible 2014-2020, medidas 1 e 17 a través do IDAE, do Ministerio para la Transición Ecológica, e a través do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra.
As empresas e as e os profesionais interesados en presentar as súas propostas poderán facelo ata o 28 de febreiro ás 14.00 horas.