Concello de Ponteareas saca a licitación a obra de rehabilitación da nave de Aceros del Tea

Por un valor de 637.016,60€

Ponteareas | O Concello de Ponteareas vén de sacar a licitación pública o proxecto urbanístico da obra de rehabilitación da nave de Aceros del Tea por un importe de 637.016,60€ (526.460€ + IVE).

Esta contratación aspira a dar resposta á necesidade de transformar a antiga fábrica nun novo espazo, que conta co financiamento dos fondos EDUSI desde o pasado ano 2016 pero que, derivado da inacción de gobernos anteriores, atópase na prórroga do período máximo de execución e corre serio risco de perder esta importante fonte de financiación europea por non ter xestionado debidamente estas axudas.

O prego da licitación está xa publicado na Plataforma de contratación do sector público na seguinte ligazón:
https://contrataciondelestado.es/wps/portal/!ut/p/b0/04_Sj9CPykssy0xPLMnMz0vMAfIjU1JTC3Iy87KtUlJLEnNyUuNzMpMzSxKTgQr0w_Wj9KMyU1zLcvQjIyqNS11CXBPdPIMLk8yLnJPLzM2cHG1t9Qtycx0BZcUi7A!!/

Tal e como se recolle no clausulado do prego, o  obxecto do contrato consiste en traballos de construción de cubertas e estruturas de peche. O prazo para a  execución dos traballos por parte da empresa adxudicataria será de 3 meses e o prazo para presentar ofertas expirará o próximo 29 de agosto (ás 14:00 horas), data na que se celebrará o pleno ordinario do mes de agosto no Concello.

“Este goberno está a facer todo o que está na súa man para intentar salvar estes fondos europeos e este proxecto. Sabemos das enormes dificultades que isto conleva e lamentamos profundamente que este sobreesforzo que está a facer todo o equipo de goberno non fose levado a cabo cando correspondía, nos últimos 7 anos polo nosos antecesores”, asegura a alcaldesa Nava Castro.

O goberno local confire a este proxecto “prioridade absoluta” en materia de Urbanismo e compromete “esgotar ata o último minuto” as opcións de executalo antes da data límite da prórroga concedida, que será o 31 de decembro de 2023.

Na mesma liña, a concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández, incide en que “desde o minuto un soubemos da gravidade da situación, do risco real de poder perder esta importante cantidade económica para os veciños e veciñas. O que si sabemos é que non será por este goberno que non se pelexe ata esgotar o prazo”. Ademais, recalca que se trata dun proxecto que “tería que estar rematado hai meses pero que vai a marchas forzadas porque desde o bipartito non se gobernou nin coa responsabilidade debida nin coa previsión necesaria”.

Este proxecto de Aceros del Tea é a constatación do particular xeito que tivo o bipartito de entender o goberno e a política. “A falla de xestión provoca que a cidadanía perda oportunidades de obter melloras e servizos. É algo inasumible e por desgraza estamos atopando que non é un caso illado, é algo que afecta ás diferentes áreas e que obriga a facer un esforzo extra para resolver en interno todos os erros e a falta de previsión que houbo durante estes últimos anos. Este proxecto é só a punta do iceberg”.

Pendentes da titularidade dos terreos
En paralelo, o goberno municipal está xestionando tamén a resolución da titularidade dos terreos nos que se asenta a antiga nave, que a día de hoxe non corresponde ao Concello, e que se convirte noutra traba determinante que o actual equipo de concelleiros recibiu do anterior goberno bipartito.

As conversas e xestións sucédense para intentar axilizar ao máximo os prazos e desatascar así unha das grandes trabas burocráticas coas que conta o procedemento. A pesar das dificultades atopadas, a concellaría de Urbanismo espera que a publicación no boletín da provincia de Pontevedra do proxecto de equidistribución dos terreos chegue a tempo para non demorar o inicio da execución dos traballos recollidos na licitación xa publicada.

BNG desminte as “falsidades” do PP
O BNG saíu o paso das que considerou como “falacias, falsidades e manipulacións” do Partido Popular en relación ao proxecto de rehabilitación da Nave de Aceiros. A formación nacionalista desminte que este proxecto conte con financiamento dende o 2016 e que estea paralizado por “inacción de gobernos anteriores”, como afirma o PP nun comunicado enviado dende o Concello.

“Os antecedentes deste proxecto inician no ano 2020, tras estudos técnicos e procesos de participación social. Ademais, o goberno do PP na Xunta non aprobou o Plan Urbanístico de Ponteareas até 2021, entrando en vigor a finais de decembro, e o informe de viabilidade urbanística data de 2022, polo que non sería posible licitar a obra antes destes procedementos. Esta información figura no proxecto que modificou o PP, polo tanto ou non len os documentos que elas mesmas aproban ou manipulan a información coa intención de enganar ás veciñas e veciños”, explica o Bloque.

O BNG lembra que as obras xa foron sacadas a concurso público dúas veces, quedando desertas na primeira ocasión pola codificación das empresas presentadas e na segunda por importe, tras a suba do materiais de construción. Posteriormente, adaptouse o proxecto diminuíndo o seu alcance e adaptándoo ao financiamento dispoñíbel.

“O PP tiña esa documentación ao seu dispor, só tiña que sacala novamente a concurso público para iniciar as obras que dotasen a Ponteareas dun novo equipamento sociocultural. Pero preferiron solicitar unha modificación do proxecto, cambiarlle o uso e perder máis dun mes, a sabendas de que os fondos europeos non financiarán o que se execute despois do 31 de decembro”, lamenta o BNG.

En canto á titularidade da parcela, a empresa propietaria dos terreos xa presentara no mes de maio o proxecto de equidistribución para desenvolver a xestión urbanística da área. “Cando o PP chegou ao goberno, unicamente precisaba un informe municipal que validara a documentación, tal como o goberno saínte lle informou no seu primeiro día á fronte do Concello. Agora, pretenden confundir á opinión pública sobre a titularidade da parcela, como se non houbese nada feito, para intentar ocultar a súa incapacidade para xestionar este asunto”, afirma o BNG.

Ante a acusación do PP de “falla de xestión”, o Bloque lémbralle ao goberno de Castro que “se Ponteareas contou con fondos europeos para desenvolver a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (EDUSI) foi grazas á xestión do goberno liderado polo BNG, que captou a maior achega de fondos europeos da historia da localidade, a pesar de que o PP non apoiou a candidatura de Ponteareas para optar a estes fondos”, lembra o BNG.

A formación nacionalista recoméndalle ao PP que deixen de enredar con “ruído mediático” para tratar de ocultar os seus erros, e se poñan a traballar para non perder máis de medio millón de euros dun proxecto en marcha que só tiñan que culminar.