Concello de Ponteareas sae á rúa reclamando solucións para a N-120

Apoio unánime da Corporación Municipal para esixir seguridade ao goberno central

Ponteareas | Tódolos representantes políticos da Corporación Municipal de Ponteareas (PP, ACiP, BNG, PSdeG-PSOE, PeC e IP) saíron as rúas diante do Concello este 11 de xaneiro para repartir folletos en apoio ás demandas da Plataforma pola Defensa da Seguridade na N-120, esixindo ao Estado a urxente licitación das obras. Posteriormente realizouse unha xuntanza no Centro Cultural de Xinzo para sensibilizar á cidadanía e ás parroquias.

A Plataforma e Corporación piden a participación da cidadanía no pleno que se convocará para o vindeiro 17 de xaneiro cun único punto na orde do día, acadar un acordo municipal para esixir ao Ministerio de Transportes a licitación das obras da N-120.

Unha vez celebrado o pleno darase lectura ao Manifesto e terá lugar a concentración que reclamará ao Estado rematar coa perigosidade dun tramo que discorre por unha zona de alta densidade de poboación e tráfico denso no que conviven peóns e vehículos.

A Plataforma e grupos da Corporación chaman á mobilización e difundirán a través das casas e centros culturais das parroquias información convidando a participar nas diferentes accións que promoverán.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.