Ponteareas | A Concellería de Infraestruturas Xerais, Saneamento e Augas do Concello de Ponteareas solicita a colaboración da cidadanía para un uso responsable dos espazos e servizos públicos. En concreto das fontes públicas das que o Concello realiza o mantemento con tarefas de limpeza e arranxo e tamén con analíticas frecuentes e a colocación de sinalización de potabilidade para garantir a seguridade de todas as persoas.
Con frecuencia, salienta a concelleira Raquel Bautista, “atopamos fontes coa sinalización arrincada ou rota que non deixa comprobar se é ou non potable. Un feito de moita gravidade xa que atenta contra a saúde das persoas e que imposibilita que nos beneficiamos dun servizo tan importante como unha fonte pública”.
Raquel Bautista apela ao sentido de responsabilidade das persoas no coidado e vixilancia dos bens públicos e recorda que este tipo de incivismos supoñen sancións importantes. Tamén engade que fagamos todos vila e ante un feito que entrañe risco ou malas prácticas demos traslado á Policía Local que atenderá con discreción e preservando o anonimato das persoas colaboradoras. Por último, Raquel Bautista adianta que traballan xa no primeiro inventario de fontes públicas.
Curso gratuíto de xestión de augas
O Concello de Ponteareas a través da Concellería de Infraestruturas Xerais, Saneamento e Augas do Concello de Ponteareas convida a todas as persoas interesadas a participar no curso “A Xestión das Comunidades de Augas” que terá lugar o 28 de xuño ás 10:00 horas no Centro de Desenvolvemento Local (CDL).
Organizado por Augas de Galicia e a asociación de traídas veciñais, COXAPO, este curso gratuíto está dirixido a todas as comunidades de usuarios de auga e ao público en xeral co obxectivo ampliar e actualizar os coñecementos para un aproveitamento dos recurso hídricos o máis axeitado posible.
As persoas participantes aprenderán como se constitúe unha comunidade usuarias/os de auga e afondarán nas orixes da auga e importancia das captacións para xerar maior concepto de responsabilidade no uso da mesma. Neste senso, coñecerán o papel dos plans sanitarios de auga, as infraestruturas comunitarias e o control da calidade da auga. Ademais de coñecer que documentación debe ter unha comunidade de usuarios. O curso tamén inclúe a visita á comunidade de Usuarios de Parada Rocha en Ponteareas.
A concelleira Raquel Bautista anima a toda a cidadanía a participar neste curso no que poderemos coñecer a fondo un dos recursos básicos máis fundamental e orixe da vida, “a documentación e as normativas teñen cambiado moito nos últimos anos e faise imprescindible recibir formación para estar ao día e facer unha boa xestión dos recursos.
As comunidades de augas xogan un importante papel e teñen un fondo arraigo en Galicia ao ser a auga un ben moi prezado por iso animo a todas as persoas a renovar coñecementos e a seguir aprendendo”.