Concello de Ribadumia aposta pola igualdade e a loita contra a violencia de xénero

Con programas de empoderamento e mellora da autoestima

Ribadumia | O Concello de Ribadumia está a desenvolver varias accións orientadas á promoción da igualdade e á prevención do tratamento da violencia de xénero mediante un amplo programa de actividades dirixidas á consecución do fomento do empoderamento, a mellora da autoestima e a mellora da situación persoal, social e laboral de mulleres vulnerables mediante accións de atención, orientación e acompañamento.

Así mesmo, este programa contribuirá á busca, a longo prazo, da creación dunha rede de mulleres vulnerables e vítimas de violencia de xénero co obxecto de facer un seguimento e mellora da súa situación persoal.

As accións integradas dentro do programa de promoción da igualdade e a prevención do tratamento da violencia de xénero comezaron a mediados de xullo mediante a entrevista e avaliación individualizada da situación das mulleres e permitiron coñecer máis de preto a experiencia e realidade que lle tocou vivir a cada unha das afectadas.

“As accións integradas dentro do programa de promoción da igualdade e a prevención do tratamento da violencia de xénero comezaron a mediados de xullo”

No mes de agosto e setembro estas accións continuarán con talleres ou coloquios máis específicos de aproximadamente dúas horas, de carácter gratuíto e nos que poderán participar todas aquelas mulleres interesadas, inscribíndose no mail infoigualdade@gmail.com ou no telefono 650 36 02 45. A información de cada actividade, así como o día, horario e lugar de impartición, poderán consultarse na axenda da páxina web do concello ou nas redes sociais.

Entre o 2 e o 16 de agosto realizaranse os seguintes talleres orientados a procura do desenvolvemento persoal e social: empoderamento e autoestima, dinámicas para o autocoñecemento, xestión práctica do estrés e a ansiedade, organizacións das prioridades e corresponsabilidade e optimismo e actitude.

En material laboral desenvolveranse os seguintes coloquios e formacións entre o 17 de agosto e o 6 de setembro: empoderamento e pautas para a busca de emprego, fomento do autoemprego, xestión de internet na búsqueda de emprego, xestión das redes sociais na búsqueda de emprego, técnicas de comunicación orientadas ás entrevistas de traballo e técnicas de comunicación na procura da xestión da comunicación non verbal e a ansiedade.

Entre o 7 e 13 de setembro terá lugar un módulo transversal de igualdade de xénero consistente nunha formación teórica práctica na que se tratarán cuestións de xénero e socialización e por último, entre o 18 e o 28 de setembro realizaranse novamente talleres orientados ao desenvolvemento social da muller mediante as seguintes formacións: construción da identidade de xénero, empoderamento sexual feminino, técnicas de asertividade “Como dicir non”, establecemento de límites e como construír a túa rede de apoio.

Este programa co que o Concello de Ribadumia pretende contribuír a erradicar a violencia de xénero e acadar unha sociedade máis igualitaria e coas mesmas oportunidades para home e mulleres, é financiado con cargo ás subvencións concedidas ás entidades locais por parte da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, financiadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020.