Salceda de Caselas | A Banda Cultural de Salceda celebra o seu tradicional concerto de Santa Icía o vindeiro sábado 25 de novembro, que este ano coincide co Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero.
Por este motivo a banda decidiu facer un concerto adicado á muller, con un programa formado exclusivamente por composicións feitas por mulleres. O Concello quixo tamén sumarse á iniciativa, sufragando os gastos da obra creada especificamente para ese día, encargada a unha das compositoras de referencia en Galicia, Carme Rodríguez, que levará por título “Raíña Aragonta”.
A Asociación de Amigos e Amigas da Música quere aproveitar o acto tamén para darlle un carácter benéfico, polo que nesta ocasión, como non podía ser doutro xeito, destinará a recadación á loita contra a violencia de xénero, coa xestión de situacións de urxencia en vítimas directas ou indirectas no Concello de Salceda. O departamento de servizos sociais será o encargado de xestionar eses fondos. As persoas interesadas en facer un donativo voluntario poderán facelo o día do concerto na entrada do Auditorio Municipal ou antes do sábado na oficina da Escola de Música.
Unha vez máis, Concello, Asociación de Amigos e Amigas da Música e Banda Cultural van da man en proxectos ambiciosos ao mesmo tempo que solidarios, nunha iniciativa que sen dúbida resultará de agrado tanto para a familia musical da banda como para o público que asista ao evento.
A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, xunto coa concelleira de igualdade, Selene González, e o concelleiro de cultura, Alex Rodríguez, visitaron á banda cultural nun dos seus ensaios na compaña da xunta directiva para coñecer de primeira man a composición “Raíña Aragonta” que a agrupación musical está a traballar estes días para ter a punto para o vindeiro sábado.
O concerto estará dirixido por Juan Lois Diéguez, e terá como solista á flautista Clara González Ojea.