“Non se están a presentar demandas no Concello de Salceda sobre a valoración catastral”

O goberno municipal respondeu á información emitida por BGI-LAW y Calixto Escariz Abogados

Salceda de Caselas | Tras ter coñecemento da nota de prensa enviada por BGI-LAW y Calixto Escariz Abogados, e detectadas varias afirmacións que non son certas nesa nota, dende o Concello de Salceda queremos manifestar o seguinte:

Non é certo que se estean a presentar demandas en materia de valoración catastral fronte ao Concello, senón que se están a presentar diante do Catastro, que é a Administración competente para iso.

O Concello en canto se enterou da existencia dos dous únicos procedementos que resolveron nesta materia, personouse e solicitou a nulidade dos procedementos, por non ter emprazado ao Concello para que puidese comparecer neles, malia ter un interese directo no asunto. Nun deles foi denegada a nulidade, e contra dita decisión recorreuse en amparo diante do Tribunal Constitucional. O segundo procedemento está pendente de resolver aínda a solicitude de nulidade, e confiamos en que recaia en breve

Estamos seguras de que si se tivese permitido ao Concello comparecer neses procesos e efectuar as correspondentes alegacións, non se tería chegado a declarar como solo rústico a solos que, con absoluta claridade, son solo de núcleo rural, xa que así resulta sen dúbida ningunha da Disposición Transitoria Primeira da Lei 2/2016 do Solo de Galicia, e ademais así o ten confirmado a Xunta Consultiva de Ordenación do Urbanismo e o Territorio, entre outros, no seu Informe de 19.03.24. De feito, a segunda das sentenzas xa evita pronunciarse no asunto, e simplemente resolve en coincidencia coa primeira “por manter a unidade de criterio”, non porque declare os solos como rústicos.

En suma, a cuestión dista moito de estar resolta, como as persoas alegantes manifestan, porque sen dúbida quédalle moito percorrido. E non sabemos si todo isto se lles explicou ás persoas afectadas por parte da plataforma que lidera o concelleiro do BNG Salustiano Guerra. Queremos pensar que non se lles está animando a promover contendas xudiciais baixo a promesa de que están gañadas, cando non é así en absoluto.

Loli Castiñeira: Tal como sempre manifestamos en todo o relativo a esta cuestión, o Concello vai defender sempre os intereses da veciñanza, pero sempre con garantía xurídica e sen xerar falsas expectativas. Apelamos á prudencia e ao rigor.