Tomiño | Recentemente o persoal da policía local de Tomiño veuse reducido en efectivos. Esta situación deriva do feito de que dous dos axentes asignados ao servizo en Tomiño solicitaron traslado a outra localidade, e non a ningunha baixa como informou erroneamente un dos grupos municipais hai poucos días. A solicitude de traslado forma parte dos dereitos de calquera axente de policía, e polo tanto ao funcionamento normal da administración local.
O Concello de Tomiño convocou hai agora máis dun ano dúas prazas para a policía local. Os axentes seleccionados entón están rematando actualmente o seu período de formación regulamentaria, e incorporaranse ao Servizo activo en Tomiño en poucas semanas.
Ademais destas novas e inminentes incorporacións, levarase a cabo unha nova selección para dous axentes adicionais no 2023, que se incorporarán ao rematar o período correspondente de selección e formación na Academia Galega de Seguridade, dependente da Xunta de Galicia.
En relación aos auxiliares de policía, o goberno municipal aclara que a nova Lei de Emprego impide, polo momento, a súa contratación con seguridade xurídica. O Concello de Tomiño, do mesmo modo que están a facer o resto dos concellos galegos, está a estudar novas fórmulas para que poidan cubrirse esta prazas, que son descontinuas, con todas as garantías.
Dende o goberno municipal faise un chamamento á calma e lembran que non hai motivo de alerta, dado que se trata dunha situación que se limita a unhas poucas semanas. O persoal da policía local reuniuse coa alcaldesa e outros membros do goberno municipal e adoptáronse as medidas precisas para tratar de arranxar a situación, que non é para nada achacable á xestión municipal.
Así mesmo, insta á responsabilidade política e a non utilizar situacións absolutamente imprevisibles e regulares dentro do funcionamento normal dun Concello para sementar alarma coa finalidade de obter algún tipo de rédito político.