Tui | Tui estará presente esta semana en Fitur, a Feira Internacional de Turismo, que dende este mércores 19 até o domingo 23 se celebra en Madrid. Esta é unha das principais citas do sector turístico a nivel internacional.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, desprazarase este mércores e xoves a Madrid para participar nas distintas actividades nas que Tui estará presente con protagonismo propio. Enrique Cabaleiro, valora moi positivamente esta presenza tudense no principal escaparate do turismo a nivel nacional e internacional o que reflicte o importante traballo que neste sector realiza o municipio tudense.
Por unha parte no stand de Turismo de Galicia o Concello de Tui participará nas seguintes actividades:
Mércores 19 ás 15.00 horas presentación de “Río Miño, un destino navegable” organizado polos concellos de Tui e Salvaterra de Miño en colaboración con Turismo de Galicia, para presentar este novidoso e ilusionante proxecto de creación dun produto turístico que poña en valor o río Miño e a súa dimensión transfronteiriza.
Mércores 19 ás 15,30 horas presentación de “Descubriendo las juderías galllegas: Monforte de Lemos, Ribadavia y Tui” na que participarán os rexedores das tres cidades galegas xunto á Directora de Turismo de Galicia e a xerente da Red de Juderías de España -Caminos de Sefarad, e servirá para presentar as guías do patrimonio xudeu destas tres cidades galegas.
Xoves 20 ás 10.30 horas presentación do proxecto “Mulleres do Camiño Portugués” organizado polo Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e que presentará un vídeo promocional sobre esta ruta xacobea.
Amais o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, no stand da Red de Juderias de España – Camiño de Sefarad, o xoves ás 12.30 h na presentación do proxecto do libro “Destinos de Sefarad”, segundo da colección da Red de Juderías.
Por cuarto ano a Red de Juderías participa cun stand propio en Fitur, neste ano cun tapiz virtual que ocupará a totalidade da superficie do stand no que se proxectará un mapa coas cidades integradas na asociación e mediante un código QR os visitantes terán acceso a unha viaxe virtual, dun minuto, na que se achegarán ao legado xudeu de cada municipio.
A deste ano 2022 é a primeira ocasión na que Tui está presente en ata catro eventos nesta feira de singular transcendencia para o sector turístico. A importante aposta que realiza o Concello de Tui pola divulgación e promoción dos recursos turísticos da nosa cidade contribuirá certamente á dinamización do sector turístico tudense, ofrecendo novas oportunidades de emprego e negocio para os nosos cidadáns.
Colaboración coa AECC
Por outra banda, o Concello de Tui e a AECC, Asociación Española Contra o Cancro reforzan a colaboración entre ambas entidades. Así o acordaron esta mañá na reunión mantida na casa do concello polo alcalde, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, a coordinadora dos Servizos Sociais Municipais, Carmen González e o coordinador de Xuntas Locais da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra, Telmo José Crespo Tojeiro.
En 2021 a AECC levou a cabo en Tui 93 intervencións das que 21 foron de atención social coma reparto de alimentos, orientación e información, axudas económicas, préstamo de material ortoprotésico como cadeiras de rodas, perrucas, andadores, etc, inserción laboral… e 72 de Atención Psicosocial a Enfermos/as Avanzados/as en final de vida e aos seus familiares.
No encontro desta maña na casa do concello presentáronse e analizáronse estes datos, ao tempo que se fixo un seguimento dos programas postos en marcha en Tui.
Tamén estudaron novas liñas de traballo conxuntas a desenvolver ao longo dos próximos meses, reforzando así os lazos de actuación entre ambas entidades. As actividades previstas se irán dando a coñecer nas próxima semanas.
Cómpre lembrar que a Asociación Española Contra o Cancro ofrece os servizos de: atención social, atención psicolóxica, voluntariado, logopedia, asesoramento médico sanitario e xurídico, atención en final de vida e dó. Tamén realiza talleres grupais a pacientes de cancro e o seu entorno.