Concello, Deputación de Lugo e AELU poñen en valor o traballo das empresarias da provincia cos Premios Son Muller 2018

Valorarase a experiencia empresarial, os plans de conciliación de vida persoal e profesional, a creación de emprego feminino, o fomento da igualdade, a creatividade e innovación, así como os proxectos que fomenten o empoderamento do rural galego

premios son muller 2018

Lugo | A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, a Deputada de Benestar Social e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, e a Presidenta de AELU (Asociación de mulleres empresarias da provincia de Lugo), Beatriz Varela, presentaron este mércores, no Salón de Actos de San Marcos, os Premios Son Muller 2018. Os Gobernos Local e Provincial colaboran coa celebración deste evento cunha achega económica de 4.600 euros, converténdose nas principais patrocinadoras destes galardóns. Fano na súa aposta conxunta pola igualdade e para poñer en valor o traballo que desenvolven todas as mulleres emprendedoras e empresarias da provincia. Na rolda de prensa de ditos premios, na que estivo presente o representante de ABANCA, Óscar Salgado, proxectouse o spot promocional elaborado pola TIC da Deputación.

Esta I edición dos Premios Son Mullerque organiza AELUten como obxectivo promover e potenciar a participación da muller no entorno económico e social lucense. Este certame está destinado a emprendedoras e empresarias da provincia de Lugo, que teñan o seu domicilio social e fiscal como empresa na provincia de Lugo e estean dadas de alta como autónoma ou ser parte dunha sociedade empresarial. No caso de concorrer como empresa e esta conte con máis dun socio será necesario que polo menos o 51% do capital social o ostenten mulleres. Ademais todas as participantes deberán estar ao día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

As empresarias e emprendedoras lucenses interesadas en participar nos Premios Son Muller poden inscribirse enwww.empresariaslugo.org a partir de mañá e ata o 1 de marzo. Toda as bases e información sobre o certame atoparanse en dita páxina web e no 982 22 69 91.

3 categorías

Os Premios Son Muller organizados pola Asociación de mulleres empresarias da provincia de Lugo, coa colaboración Concello e Deputación de Lugo, contarán con 3 categorías:

– Empresaria rural: proxectos de mulleres en Concellos rurais baseados en actividades agrarias e complementarias, agroalimentarias, turísticas, industriais, así como, actividades ou actuacións que recoñeza a súa labor no medio rural, da provincia de Lugo. Neste premio valorarase a experiencia empresarial, os plans de conciliación de vida persoal e profesional, a creación de emprego feminino, o fomento da igualdade, a creatividade e innovación, así como o proxecto empresarial que fomente o empoderamento do rural galego.

– Empresaria: con actividade dende hai máis de 42 meses dentro do sector rural. Valoráranse positivamente os currículos con ampla experiencia empresarial, os plans de conciliación de vida persoal e profesional, a creación de emprego feminino, o fomento da igualdade, a creatividade e innovación do mesmo.

– Emprendedora: proxectos empresariais non superiores aos 42 meses. Teranse en conta con espírito emprendedor, a creatividade e innovación, o grado de definición do produto ou servizo, a creación de emprego feminino, así como a orixinalidade no sector.

Premios dun total de 3.00 euros

Os Premios Son Muller 2018 contará cun xurado estará formado por representantes da Xunta Directiva de AELU e personalidades de recoñecido prestixio, pertencentes a distintos ámbitos das administracións, empresa e sociedade lucense. O xurado será responsable de seleccionar as candidaturas ganadoras. Os premios son son seguintes:

– 1º Son Empresaria Rural, Son Empresaria e Son Emprendedora: 1.000 euros, máis un ano de cota gratuíta como asociada da Asociación de Mulleres Empresarias da provincia de Lugo e un xogo de Matrioskiñas galegas, elaborado por artesás lucenses e deseñado especialmente para o premio.

– 2º Son Empresaria Rural, Son Empresaria e Son Emprendedora: un ano de cota gratuíta como asociada da Asociación de Mulleres Empresarias da provincia de Lugo e un xogo de Matrioskiñas galegas, elaborado por artesás lucenses e deseñado especialmente para o premio.

A entrega de premios ás gañadoras desta I edición dos premios que organiza AELU coa colaboración do Concello e a Deputación de Lugo, terá lugar nun acto, o 8 de marzo, ás 20:30 horas no Vello Cárcere, na que se realizará un recoñecemento especial á longa traxectoria empresarial e profesional dunha muller referente na provincia de Lugo.

AELU

A Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo é unha entidade sen ánimo de lucro de carácter multisectorial fundada no ano 1988 e que representa os intereses de máis de 150 empresas integradas, sendo o perfil das mulleres asociadas o de propietarias, copropietarias, socias e accionistas que exercen activamente a función directiva dentro da empresa, mulleres que desempeñen as xerencias das empresas ou cargos directivos de responsabilidade e mulleres incluídas en réximes especiais de Seguridade Social. Este colectivo leva máis de 30 anos desenvolvendo iniciativas co obxectivo de promocionar e defender os valores humanos, sociais e profesionais das mulleres na súa condición de empresarias, establecendo a integración e o fomento do asociacionismo entre as empresarias, emprendedoras, executivas e directivas de empresas.