O Covelo | O Concello de Covelo denuncia o roubo de nove “vallas” metálicas do peche perimetral da pista polideportiva e de lecer do parque de Pazos, na parroquia de Santa Marina, recentemente inaugurado.
O alcalde, Pablo Castillo, explica que non só se trata dunha perda económica tamén de seguridade xa que estes valados pechaban o parque infantil impedindo posibles accidentes e danos provocados pola entrada de animais.
Dende o goberno municipal lamentan a falla de civismo destas persoas que atentan contra o patrimonio de toda a veciñanza. Os nove valados metálicos de cor verde, de dous metros de alto por un de ancho, están valorados en arredor de mil euros. As “vallas” subtraídas cubrían dezaoito metros lineais que o Concello procederá a pechar novamente.
As autoridades locais solicitan a colaboración da cidadanía que poida aportar información certeira e sensata. O goberno do Concello de Covelo lembra que “se trata de elementos municipais pagados cos fondos públicos e cos cartos de todas e todos os veciños e veciñas e que seguirá a traballar para embelecer os espazos públicos e facelos máis agradables e seguros”.