O Porriño | O Concello de O Porriño “agarda que o Bispado de Tui-Vigo e as empresas e aseguradoras implicadas, cheguen a un acordo para resolver as actuais diferenzas que manteñen e se poida arranxar a capela e, por conseguinte, a administración municipal sexa quen de reabrir o parque e a zona de lecer pública”, manifestou hoxe Pedro Pereira, concelleiro responsable do Patrimonio.
Pereira avogou por “unha saída dialogada e razoable” do contencioso existente desde que o 16 de marzo do ano pasado, un guindastre de grandes dimensións precipitouse contra a cuberta da capela e tamén alcanzou ao edificio líndante de “Telefónica”. Aquel suceso saldouse só con danos materiais e sen feridos, grazas a que a poboación estaba confinada no primeiro estado de alarma pola pandemia.
Desde entón, o recinto relixioso e parte dos espazos públicos do parque do Cristo permanecen valados e pechados.
O concelleiro fixo esta apelación tras ter coñecemento o Concello de que a Diocese de Tui-Vigo, propietaria da capela do Cristo, ven de presentar unha reclamación contra as empresas e aseguradoras implicadas por aquel sinistro. En concreto, a demanda admitida a trámite polo Xulgado nº 2 do Porriño, presentouse contra “Promociones Romansil SL”; “Allianz compañía de seguros”; “Grupo de Montaje Espinosa Gruesga SL”; “Asefa SA seguros y reaseguros”; “Tüv SüD Atisae” e “Caser seguros”.
Se a demandante e os demandados non acadan antes unha solución negociada, o caso chegará a xuízo ordinario.