Concello do Porriño comeza a repavimentación do acceso ás canteiras de Budiño

Na Vitureira da Vacaría cun investimento superior aos 47.000€

O Porriño | O Concello de O Porriño deu comezo ás obras de repavimentación do camiño de acceso ás canteiras en Vacaría, na parroquia de Budiño. Este proxecto, que se enmarca dentro da Liña 1 do Plan Concellos 2022-2023, forma parte do compromiso municipal coa mellora das infraestruturas no medio rural e conta cun investimento de 47.128,29 euros, IVE incluído. A intervención afecta a un tramo de 605 metros de lonxitude, cun ancho medio de 7,30 metros, discorrendo integramente por dominio público viario ou terreos de titularidade municipal. O prazo estimado de execución é de dous meses.

O alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, destacou a relevancia desta actuación para a comunidade local, sinalando que “o mal estado deste camiño facía imprescindible unha intervención. Con estas melloras garantiremos un acceso máis seguro e eficiente ao barrio da Vitureira e ao Centro Cultural A Forna, contribuíndo así ao desenvolvemento económico, social e cultural da parroquia de Budiño.”

Pola súa parte, o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto Oya, puxo en valor a envergadura técnica da actuación, explicando que “non se trata só de repavimentar; estamos a realizar unha intervención integral que inclúe a limpeza da superficie, a aplicación dunha nova capa de rodadura e a mellora da drenaxe. Isto asegura a durabilidade da obra e minimiza os riscos para os usuarios.”

As actuacións previstas inclúen a limpeza enérxica do pavimento existente, a demolición parcial de bordos e outras zonas en mal estado, así como a preparación do terreo para garantir unha base sólida e uniforme. Posteriormente, aplicarase unha capa de mestura bituminosa en quente de 5 centímetros de espesor, compactada e selada, que permitirá ofrecer unha superficie renovada, resistente e segura para o tráfico. Ademais, contemplarase a mellora da drenaxe e o adecuado refino de noiros para garantir a estabilidade e durabilidade da obra.

Esta intervención permitirá unha notable mellora na seguridade viaria ao eliminar fochancas e superficies irregulares que dificultaban o tránsito e representaban un risco para os vehículos. Ademais, facilitará o acceso ao barrio da Vitureira e ao Centro Cultural A Forna, reforzando a conexión cos servizos esenciais e os espazos de encontro da comunidade. A actuación tamén contribuirá a optimizar o transporte na área, reducindo o impacto ambiental grazas a unha circulación máis eficiente dos vehículos e promovendo unha mellor calidade de vida para os veciños. O Concello do Porriño reafirma así o seu compromiso co desenvolvemento do medio rural, traballando por ofrecer infraestruturas de calidade que respondan ás necesidades da veciñanza e impulsen o crecemento da comunidade local.

BNG denuncia “malgasto e falta de planificación” coas obras do Templete de San Luís
Veñen de rematar as obras de acondicionamento do antigo Campo da Feira situado diante do cemiterio, na saída sur do Porriño. Desde o BNG consideramos que o resultado da reforma que o PP levou a cabo non xustifica o alto investimento realizado.

Non se mellorou a mobilidade do lugar: o parque presenta diferentes niveis que dificultan a accesibilidade. O deseño dos pasos de peóns adoquinados dificulta especialmente o desprazamento ás persoas con mobilidade reducida ou con carros de bebé. Este modelo aumenta a contaminación acústica ao paso dos vehículos. Ademais, eliminaron o uso deportivo que tiña este espazo para a mocidade.

O conxunto do importe das obras ascendeu a 1,3 millóns de euros, aportados polo Concello do Porriño e a Xunta de Galicia. Con este gran investimento, o único que se realizou foi un “lavado de cara” que, máis alá da cuestionábel, por insuficiente, restauración do Templete de Antonio Palacios, non muda nada este espazo público. “É unha obra cativa e mal planificada que nos sae moi cara”, sinalou o portavoz do Bloque, Pedro Pereira.

Dende o BNG sempre defendemos un urbanismo que achegue calidade de vida, que deixe atrás un modelo pensado para o transporte a motor e que priorice espazos públicos para as persoas. “Non nos conformamos coas solucións parciais que ofrece sempre o PP”, sinalou Pedro Pereira. Lembrou que o proxecto que o Bloque defende para este lugar contempla un tramo da rúa Domingo Bueno baixo terra para eliminar o tráfico en superficie e comunicar o Campo da Feira coa zona peonil de San Bieito.

O BNG lamenta que Alejandro Lorenzo estea máis preocupado en anunciar e inaugurar cantas mais obras mellor, sen planificar a medio prazo O Porriño do futuro. “Hai que deseñar O Porriño do futuro con actuacións transformadoras, adaptadas ao crecemento e ás necesidades da nosa vila, que melloren o que temos. Non con continuos parches pensados máis para a inauguración que para solucionar os problemas estruturais do municipio” sinalou o portavoz do BNG, Pedro Pereira.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.