O Porriño | O Concello do Porriño cederá á Asociación de Apoio a Persoas con Diversidade Intelectual (ACEESCA) unha parcela anexa á súa Escola Profesional para a implantación dunha planta de compostaxe que permita a autoxestión de residuos do centro.
“Para Aceesca isto suporá , ademais do cumprimento de ODS que teñen na súa planificación estratéxica, unha xeración de emprego adicional de persoas con discapacidade intelectual e o aforro de costes de produtos”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Por iso se acordou ampliar a actual cesión de 7.685,06 m2 coa adhesión de outra de 946,26 m2 que albergará a planta de reciclaxe”.
Cabe destacar que a finalidade é poder autoxestionar todos os residuos producidos pola actividade de xardinería e restauración que se leva a cabo no invernadoiro do centro, convertíndoos en materia prima para a produción do mesmo. Isto permitiría reciclar un volume do 25% dos residuos, é dicir unhas 50 toneladas anuais.
O rexedor concluíu eloxiando “o encomiable labor social que desempeña Aceesca no municipio” motivo polo cal “contará sempre co respaldo do Concello do Porriño en todas as iniciativas que emprenda na mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade”.