O Porriño | O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a presidenta do Círculo Recreativo Cultural, Sonia Doval, asinaron a renovación da colaboración anual entre ambas entidades.
En base ao convenio formalizado, o Concello do Porriño aportará 20.000 euros para o desenvolvemento de actividades culturais programadas conxuntamente que se levarán a cabo nas instalacións do CRC.
“Dende a súa fundación o Círculo Recreativo Cultural é unha entidade pioneira na difusión e promoción de actividades culturais”, afirmou o rexedor, “A nosa aposta por satisfacer as inquedanzas culturais da veciñanza do Porriño require que sumemos esforzos con entidades como o CRC, con iniciativa e historia”.
Apoio da Xunta a Distribuciones PAKO
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá no Porriño, acompañado do alcalde, Alejandro Lorenzo, as instalacións de Distribuciones Pako, empresa afectada por un incendio declarado o pasado mércores e que afectou, sobre todo, á súa nave central. No encontro, Conde trasladou aos responsables que contan co apoio da Xunta para que poidan recuperar canto antes toda a súa actividade.
O vicepresidente segundo explicou que, neste momento, estase na fase de facer balance dos danos para cuantificar as perdas producidas nesta empresa dedicada á venda e distribución de maquinaria e útiles para sondaxes, minaría e instrumentación que conta con oito empregados.
Tal e como explicou Conde, aínda que agora teñen que tomar parte as aseguradoras, a Xunta de Galicia ponse á súa disposición para ofrecer o asesoramento que precisen. Tamén comprometeu os apoios necesarios para a empresa- mentres non se executen as pólizas de seguro- a través dos préstamos estratéxicos para pemes, cunha bonificación da taxa de interese.
O vicepresidente económico recoñeceu que un suceso así, do que afortunadamente non hai que lamentar danos persoais, vén complicar aínda máis a difícil situación pola que está pasando o tecido empresarial, por mor da crise enerxética e de subministracións. Por iso, expresou o seu desexo de que Distribuciones Pako poida retomar canto antes a súa actividade e minimizar así o máximo posible as perdas.
Durante este encontro, Conde aproveitou tamén para agradecer, en nome da Xunta de Galicia, a rápida actuación dos equipos de extinción, corpos e forzas de seguridade e a coordinación coa que actuaron todas as administracións implicadas.