O Porriño | O Concello do Porriño e a Diócese de Tui-Vigo formalizaron o convenio que dá resposta a unha das grandes demandas da veciñanza de Cans: a cesión da casa cultural da parroquia.
A edificación conta cunha planta baixa de 93 m2 que pese a ser propiedade da diócese é usada pola Asociación de Veciños de Cans, e unha segunda de 97 m2 destinada, en parte a usos veciñais e en parte a uso relixioso.
A través deste convenio, a Diócese de Tui-Vigo cede de maneira gratuíta e por tempo indefinido estas instalacións ao Concello do Porriño para uso e disfrute da veciñanza da parroquia, destinándose a usos sociais, culturais e veciñais. A cesión contempla tamén, aínda que de forma compartida coa Diócese, o uso do adro da Igrexa de Santo Estevo de Cans por un prazo de 50 anos prorrogable por outros 50.
“Atendemos a unha demanda histórica da veciñanza da parroquia, poñendo á súa disposición a casa cultural que en virtude deste acordo, será acondicionada e mellorada polo Concello”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Ademais podemos realizar no torreiro as melloras necesarias e o correcto mantemento do mesmo, que xa comezou coa reparación do muro que se derrubou coas choivas e a instalación dunha nova bancada, xa que a anterior estaba danada”.
O rexedor quixo agradecer a disposición da Diócese a chegar a este acordo en beneficio da veciñanza de Cans. “Pese ao carácter privativo do patrimonio relixioso mostraron a súa vontade dende o primeiro momento de poner ao servizo dos vecinos o seu patrimonio, entendendo que carecían de locais públicos axeitados para levar a cabo actividades de carácter cultural e asociativo”.
Reparación do muro do adro
Esta semana rematáronse tamén as obras de reconstrucción do muro de contención do adro que rodea a Igrexa de Santo Estevo de Cans, tras sofrer unha derruba parcial dunha parte do mesmo, co risco de afundimento do chan do adro que implicaba e a desestabilización dos muros da propia igrexa.
O muro perimetral desprenderase a principios do mes de novembro debido á acumulación de augas no interior durante polas fortes choivas deses días.
Restauración da bancada do torreiro
No marco da intervención que se está a levar a cabo na contorna da Igrexa de Santo Estevo de Cans, o Concello do Porriño está a executar estes días os traballos de restauración das gradas do torreiro.
As antigas bancadas estaban formadas por táboas de madeira de piñeiro parafusadas ao muro de formigón e, debido ao escaso espesor das mesmas, co paso do tempo e a acción dos axentes atmosféricos estaban rotas, agretadas e con síntomas de podredume nalgúns puntos.
Para resolver este problema, as actuacións estanse a centrar na substitución dos elementos de madeira por outros de pedra, de maior duración e máis fácil mantemento.