O Porriño | O Concello do Porriño saca a licitación dun vial municipal en Vilafría, que dende hai anos se atopan en mal e estado e precisan dunha rehabilitación integral do pavimento.
O proxecto, que conta cun orzamento base de 165.019 euros con cargo ao Plan Concellos 22, inclúe a mellora do torreiro de festas e pista deportiva do parque que se atopa na zona, algo moi demandado tanto pola veciñanza como pola comisión de festas.
Os traballos inclúen a mellora e reposición do firme de todo o vial, ademais da creación dunha senda peonil e dun paso de peóns elevado á altura do parque. Dentro do recinto do parque, reasfaltarase unha superficie de preto de 900 m2, que inclúe a cancha de baloncesto e o campo de fútbol onde ademais se instalarán novas porterías e canastas.
“Trátase dunha actuación moi demandada dende hai tempo pola veciñanza xa que o estado no que se atopa este camiño municipal supón un verdadeiro risco para a seguridade de vehículos e peóns”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Non só a estrada, tamén a zona do torreiro e do parque que na actualidade non está en condicións de ser usada nin como zona de lecer nin para a práctica deportiva”.