O Porriño | O Concello do Porriño saldou no último ano case na totalidade o pago pendente a provedores, que ascendía a 5,5 M e na actualidade se reduce a 985.506,75 euros.
Tal e como reflicte o informe da intervención municipal de 25 de abril de 2023 “este acusado descenso da conta 413 xorde tras unha intensa labor de investigación, regularización e depuración de facturas levada a cabo en pouco máis dun ano”, como xa recomendaba facer o Consello de Contas de Galicia no seu informe de fiscalización selectiva do Concello do Porriño para os exercicios 2018 e 2019, e tal e como se desprende do contido das distintas sentenzas recaídas “nas que se viñan a poñer de manifesto unha serie de incumprimentos normativos que se estaban a producir de maneira xeneralizada, sistemática e prolongada no tempo”.
A Intervención incide así no informado pola Secretaría Municipal en setembro 2022, no que advertía que os servizos técnicos municipais “negaran expresamente a autenticidade de parte desa facturación, e de outra parte non se puidera comprobar nin a veracidade nin os prezos de mercado”. Chegaba a informar o secretario que había técnicos e encargados municipais que non podían determinar incluso que algúns dos servizos que se pretendía pagar foran realizados.
A día de hoxe, tras revisar toda esta facturación detectáronse facturas duplicadas e outras que, pese a que xa foran pagadas, rexistrábanse de novo . Acordouse tamén a devolución das que non se puido acreditar que os traballos que se facturaban foran realizados ou que non se axustaban a prezo de mercado.
Por outra banda, devolvéronse facturas por sentenza favorable ao Concello do Porriño e efectuouse o pago de moitas outras, que pese a ser irregulares se acreditou a súa veracidade, polo mecanismo de pago a provedores.
É importante incidir en que as empresas renunican a cobrar o beneficio industrial e IVE para ser indemnizadas. Cabe destacar, que o saldo pendente de pago na actualidade o conforma na súa maioría facturación xudicializada con sentenza favorable ao Concello pero pendente de sentenza firme, e tamén correspondente a empresas que renuncian ao seu cobro e reclaman indemnización.