Concello e empresarios promoven a campaña “En Nadal Tui QuereTui”

Unha iniciativa de bonos agasallo para fortalecer o comercio local

Tui| “En Nadal Tui QuereTui” é o lema da campaña de bonos agasallo presentada na Casa do Concello de Tui.

Na presentación participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Comercio, Ana Mª Núñez, o presidente de ACITUI, Juan Carlos Blanco, o representante de EMPRETUI, Abel Vila, o presidente da Asociación de empresarios/as de Areas, Giorgio Casoni, e interviu Jesús Vaz e Manuel González da empresa Coplegal S.L.

“O obxectivo da campaña é contribuír a paliar os efectos do peche da hostalería, as perdas no sector turístico e a baixada de ventas no comercio”

O obxectivo da Campaña “En Nadal Tui QuereTui” é contribuír a paliar os efectos do peche da hostalería, as perdas no sector turístico e a baixada de ventas no comercio. As empresas que, tradicionalmente veñen celebrando as ceas de Nadal e que este ano non se poderán celebrar, poderán nestes tempos de pandemia agasallar aos seus traballadores e traballadoras con bonos para desfrutar en establecementos comerciais e de restauración e aloxamento de Tui. A iniciativa partiu dos empresarios de Coplegal S.L, Jesús Vaz e Manuel González.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, asegurou que “esta iniciativa tan solidaria chega nun momento moi difícil para Tui no que, debido ao peche perimetral e ao peche da hostalería, está en risco a vialibilidade de moitos negocios”. Agradeceu tamén aos empresarios de Coplegal S.L e as asociacións participantes a súa colaboración. Afirmou tamén que “a responsabilidade social das empresas é fundamental na recuperación económica”.

A concelleira de Comercio, Ana Núñez, explicaba que esta campaña “fai unha chamada a solidaridade das empresas para que agasallen os seus traballadores tarxetas regalo como alternativa ao tradicional aguinaldo e as comidas e ceas de empresa no nadal, co obxectivo de contribuir a paliar os efectos do peche continuado no sector hostaleiro, as perdas no sector turístico e a baixada de vendas no comercio”. Engadía a concelleira que “este xesto solidario permitirá axudar a moitas familias que levan moito tempo cos seus locais pechados ou baixo mínimos”.

Na presentación os representantes de ACITUI, Juan Carlos Blanco, e o de EMPRETUI, Abel Vila, explicaron o funcionamento destes bonos. As empresas que queiran agasallar cun destes vales aos seus empregados e empregadas, poderán facelo dirixíndose a ACITUI se o que desexan é regalar un bono para o comercio local, e a EMPRETUI se o que queren é agasallar cun bono de hostalería e aloxamento. Os beneficiarios destes cheques terán até o 30 de xuño para desfrutar do seu bono en Tui. As papeletas son numeradas e en ningún caso poden ser intercambiadas por diñeiro en efectivo.

Jesus Vaz da empresa Coplegal S.L, de quen partiu a idea xunto ao seu socio Manuel González, que plantexaron esta iniciativa para non perder as tradicións de Nadal das empresas ao tempo contribuír á mellora da economía tudense.

O presidente da Asociación de empresarios e empresarias do Polígono de Areas, Giorgio Casoni, asegurou que a iniciativa está a ter unha moi boa acollida no tecido empresarial de Tui, con varias empresas xa interesadas en participar.

“Os establecementos interesados en participar poden adherirse até o domingo 13 de decembro a través do formulario dispoñible na web municipal www.tui.gal”

Os establecementos de Tui que estean interesados en participar nesta iniciativa poden adherirse até o domingo 13 de decembro cumprimentando o formulario dispoñible na web municipal www.tui.gal.

Mentres as empresas que desexen agasallar aos seus traballadores e traballadoras con este bonos poderán optar entre AGASALLA COMERCIO LOCAL, para o que se deben pór en contacto con ACITUI ( 986 60 75 56 – acitui@acitui.es), ou AGASALLA HOSTALERÍA E ALOXAMENTO para o que se deben dirixir a EMPRETUI ( 604 03 27 31 – info@empretui.com) solicitando o número de tarxetas que precise co importe que desexe. Logo a persoa beneficiara terá até xuño de 2021 para consumir o importe íntegro da tarxeta nun único establecemento entre os que figuren na listaxe de adheridos á campaña.